A Xunta ultima coa Federación Galega de Municipios e Provincias a renovación do convenio de colaboración en materia de prevención de incendios forestais
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da Fegamp, Alberto Varela, e con outros responsables desta entidade
A xuntanza foi preparatoria de cara á renovación do convenio asinado entre a Xunta, Seaga e a propia Fegamp para a creación dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e pola directora-xerente de Seaga, Luisa Piñeiro, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e con outros responsables desta entidade, en relación coa prevención dos incendios forestais.
Este foi un encontro preparatorio de cara á renovación do convenio de colaboración entre a Xunta, Seaga e a Fegamp en materia de prevención de lumes. Este acordo asinouse inicialmente en agosto de 2018 e permitiu a creación dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias, é dicir, aquelas máis próximas ás vivendas.
Actualmente estase avanzando no proceso de renovación do convenio, con vistas a manter a cooperación institucional entre todas as partes nunha cuestión de especial interese para a cidadanía, como é a defensa e prevención diante dos incendios forestais, en particular en zonas denominadas de “interface urbana”.
A día de hoxe un total de 288 concellos galegos están adheridos a este acordo, de incorporación voluntaria. Ademais, ao abeiro do convenio existen 260 plans municipais antiincendios aprobados por outras tantas entidades locais. Estes documentos elaboráronse en colaboración coa Consellería do Medio Rural e baixo a súa supervisión técnica.