A Xunta amplía ao noroeste da Coruña a alerta laranxa activa por temporal costeiro no oeste e suroeste da costa coruñesa e no litoral de Pontevedra
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
Suspéndese desde hoxe pola tarde e tamén mañá pola mañá a actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados polo fenómeno meteorolóxico adverso
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2025
A Xunta vén de ampliar ao noroeste da Coruña a alerta laranxa por temporal costeiro xa activa para hoxe no oeste e suroeste da costa coruñesa e no litoral de Pontevedra. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a tarde de hoxe no oeste da Coruña, estendéndose na madrugada ao noroeste e suroeste da costa coruñesa e ao litoral de Pontevedra por vento do sur ou suroeste de 62 a 74 quilómetros por hora de forza 8 e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata seis metros.
Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte mantén a suspensión desde esta tarde a actividade deportiva federada no mar en diversas áreas da Coruña e de Pontevedra a causa da alerta laranxa por fenómeno costeiro, segundo as previsións dos órganos preditores e tamén a estende a mañá pola mañá.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.