A Xunta destaca o papel do Laboratorio galego de Consumo no inicio da celebración da Semana do Consumidor

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá o Laboratorio Galego de Consumo no comezo das xornadas programadas para conmemorar o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras

Durante toda a semana, o IGCC achegará a cidadanía a través de diversas actividades informativas en toda Galicia, cales son os seus dereitos como persoas consumidoras e como exercitalos

A Coruña, 10 de marzo de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, achegouse esta mañá ao Laboratorio de Consumo de Galicia, situado na Coruña, onde participou na xornada de portas abertas organizada para as asociacións de persoas consumidoras, co motivo da celebración da Semana do Consumo que arranca hoxe.

Durante toda a semana, desde o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), realizaranse actividades por toda a comunidade, entre xornadas de portas abertas na Escola Galega de Consumo —que durante estes días recibirá a diferentes colexios e centros educativos—, actividades formativas en materia de consumo en escolas de toda Galicia, a edición especial dos Venres de Consumo Responde na Feira de Oportunidades da Estrada e puntos informativos que se establecerán o vindeiro sábado 15 de marzo —data na que se conmemora o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras— nas 7 grandes cidades, achegando á cidadanía as diversas ferramentas que a administración autonómica pon a súa disposición  para asesorar, acompañar e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos como persoas consumidoras.

Galicia, referente na blindaxe dos dereitos dos consumidores

Na visita desta mañá, o director xeral salientou o papel do Laboratorio de Consumo como líder estatal no control e comunicación de alertas de produtos, o que contribúe a facer máis seguro o mercado, subliñando que Galicia é a única comunidade autónoma de España con laboratorio de consumo propio acreditado pola ENAC —que avalía a competencia técnica para a certificación e inspección— consolidándose como referente nacional co fin de blindar os dereitos dos consumidores e potenciar o comercio local.

Gabriel Alén tamén puxo en valor o labor dos técnicos que traballan neste centro dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e que participan na elaboración de normas de seguridade a nivel nacional e internacional, fancendo fincapé en que o laboratorio leva analizado máis de 10.000 produtos postos no mercado galego e que tamén é pioneiro na avaliación da seguridade e da calidade dos produtos adquiridos por internet.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2025