A Xunta destaca as iniciativas que desenvolve Enki nos centros educativos para promover a integración e inclusión das persoas con discapacidade

Alumnado de varios centros educativos de Ourense participan en actividades deportivas adaptadas que lles permiten vivir esta experiencia

Ourense, 10 de marzo de 2024

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou esta mañá as Xornadas de sensibilización en centros educativos que desenvolve Enki para fomentar entre os máis pequenos a inclusión e integración das persoas con discapacidade. Fíxoo no primeiro dos encontros provinciais con centros educativos que organiza a entidade e que tivo lugar en Expourense, onde asistiu acompañada do delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo.

Trátase dunha actividade de sensibilización que organiza Enki cada ano e na que participan centros educativos de toda Galicia. Nesta edición, uníronse 29 centros e máis de 1.200 escolares. Nunha primeira fase, realízanse charlas previas nos centros educativos onde deportistas con discapacidade comparten as súas historias de superación. Posteriormente, celébranse encontros provinciais coma o que ten lugar hoxe e que, baixo o lema, “Ponte en mi lugar” convidan aos escolares a practicar deportes adaptados, como bádminton, tenis, baloncesto ou atletismo, co fin de poñerse na pel das persoas con discapacidade e descubrir como é practicar deporte desde a súa perspectiva.

Neste senso, a directora xeral de Persoas con Discapacidade sinalou a importancia da colaboración entre as Administracións e entidades sociais como Enki para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. Así, fixo fincapé en que a Xunta seguirá apoiando a esta organización para que sigan traballando na integración e impulsando unha Galicia máis solidaria e inclusiva. En concreto, lembrou que o Executivo galego aportou este último ano 300.000 euros en achegas con cargo ao 7 % do IRPF para desenvolver diferentes iniciativas e proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2025