Belén do Campo anuncia a convocatoria das axudas de 3,3 M€ para potenciar as prazas de abastos galegas

A convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que abre hoxe o seu prazo de solicitude, está orientada a ampliar a rede de mercados recoñecidos con este distintivo de calidade, co obxectivo estratéxico de chegar aos 25 en 2030 

A orde pasa a bianual para concellos e triplica o orzamento ata os 3,3 M€ 

As achegas, que poden pedir municipios, asociacións, cooperativas ou federacións, promoven tanto actuacións de mellora dos Mercados Excelentes como accións dirixidas a acadar o selo así como apoios á dinamización e fidelización comercial

A Coruña, 12 de marzo de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo,  acompañada polos representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios do Mercado das Conchiñas, visitou esta praza de abastos, para anunciar que, desde hoxe mesmo, está aberta a convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ata o 14 de abril, orientada a dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como Mercados Excelentes, no marco da aposta do Goberno galego pola revitalización destes espazos comerciais, claves na vertebración do territorio e na xeración de riqueza e emprego. Estas axudas son de concorrencia non competitiva e os beneficiarios poden solicitar un pago anticipado do 50%.

A delegada destacou que esta entidade recibiu, o ano pasado desta orde unha axuda de 9.303 euros que destinou a adquisición dun afiador. compra de uniformes, mantemento das pantallas informativas do mercado e publicidade, ademais forma parte da Federación de Prazas de Abastos de Galicia que foi beneficiaria doutra axuda de case 30.000 euros para campañas de dinamización comercial entre os seus asociados.

Atendendo á folla de ruta prevista no futuro Plan estratéxico de comercio, que aspira chegar aos 25 mercados excelentes en 2030, a nova convocatoria practicamente triplica o orzamento da anterior, chegando aos 3,3 M€ para poder dar resposta á previsión do incremento de solicitudes para realizar obras de mellora. Ademais, como novidade, os concellos contarán cun período de gasto bianual entre 2025 e 2026 para garantir que conten con maiores tempo de execución para as actuacións solicitadas.

O obxectivo é fortalecer e consolidar unha rede ao abeiro do selo de Mercados Excelentes, un distintivo que impulsa a Xunta para recoñecer aquelas prazas de abastos que están a responder de xeito diferencial e destacado aos retos da modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición.

As achegas tamén as poden pedir as asociacións, cooperativas ou federacións de prazas de abastos e mercado para a dinamización e fidelización comercial.

Provincia Coruña 2024

Neste senso, a delegada da Xunta subliñou que, o ano pasado, recibiron estas axudas 7 concellos da provincia (A Coruña, Carballo, Vimianzo, Cee, Boiro, Noia e Ferrol), por un importe de máis de 102.000 euros e as entidades Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Padrón (9.132€) e a Asociación de Comerciantes e Empresarios do Mercado das Conchiñas (9.303 euros) por un importe de máis de 18.000 euros. En total, ao abeiro desta orde repartíronse máis de 120.000 euros na provincia coruñesa. En Galicia foron beneficiarias 47 concellos e entidades por un importe de case 880.000 euros.

Detalles da convocatoria

Seguindo a mesma filosofía das novas ordes de apoios para o tecido autónomo e o comercial, a orde aposta pola simplificación das liñas de actuación para promover unha maior axilidade administrativa, recollendo unha intensidade das axudas do 80 %. Nos concellos haberá achegas para os que xa conten co selo e para os que o queiran implantar.

En concreto, para potenciar a Rede de mercados excelentes, os municipios que xa conten con esa figura poderán recibir axudas enfocadas ao mantemento e mellora deste estándar, como obras de acondicionamento, mellora de servizos para a clientela, actuacións formativas ou comerciais. A axuda máxima é de 112.000 €.

Mentres, aqueles cuxas prazas de abastos non sexan aínda Mercado Excelente poderán sufragar accións previas para acadar o selo, como a preparación —ou actualización, se é o caso— da diagnose da situación e usos do mercado, actuacións de mentoring e de formación dos praceiros e praceiras ou elaboración da documentación técnica. Aqueles que xa teñan completada a diagnose, poden acollerse ao resto de apoios, como obras de rehabilitación, melloras de accesibilidade, rotulación, adquisición de equipamento comercial ou instalación de sistemas de eficiencia enerxética. Neste caso, a contía máxima da axuda increméntanse ata os 320.000 €.

As asociacións de prazas de abastos e mercados, así como as cooperativas de vendedores —que se introducen como potenciais beneficiarias este ano— tamén poden solicitar axudas para o mantemento dos seus marketplaces, material promocional, reparto a domicilio ou servizos de fidelización de clientela, entre outras, ata un máximo de axuda de 11.200 €.

Por último, as federacións de prazas de abastos poden optar a apoios para realizar campañas comerciais ou eventos, ata un máximo de 40.000 €.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2025