A Xunta abre as portas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia no marco da Semana do Consumidor

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, recibiu hoxe no Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) a membros da Asociación para a Formación e Emprego de Xóvenes con Discapacidade Intelectual (Afexdi). Esta visita encádrase no conxunto de actividades, que estanse a realizar por toda a comunidade con motivo da celebración da Semana do Consumidor.

Durante toda a semana, desde o IGCC promovéronse diversas actividades, como visitas a escolas de todo o territorio ou xornadas de portas abertas, rematando o vindeiro sábado día 15, —data na que se conmemora o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras— co establecemento de puntos informativos nas 7 grandes cidades, co obxectivo de achegar á cidadanía as diversas ferramentas que a administración autonómica pon a súa disposición  para asesorar, acompañar e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos como persoas consumidoras. Neste ano, conmemórase o trixésimo aniversario do IGCC, que coas súas accións a favor das persoas consumidoras e usuarias acumula un balance global de case un millón de consultas rexistradas, preto de 500.000 reclamacións e uns 27.000 expedientes sancionadores por un importe de case 150 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2025