O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe a empresa Seguridade A1 e interveu na apertura da sesión plenaria da Cámara de Comercio de Santiago

A Xunta apela a seguir traballando da man do tecido empresarial co obxectivo de reter e captar talento para atender as necesidades de man de obra

José González destacou a colaboración público-privada entre o Goberno galego e a Cámara de Comercio de Santiago e o seu labor a prol da competitividade das empresas e dun mercado laboral dinámico, inclusivo e con emprego de calidade

Para potenciar o talento no mercado interno salientou medidas como a aposta pola formación á carta das empresas cun futuro decreto pioneiro que regulará as microcredenciais e as destinadas á potenciación do Servizo Público de Emprego 

No ámbito exterior, expuxo que Galicia pon o foco no retorno dos galegos da diáspora e puxo como exemplo as feiras de emprego celebradas hai uns días na Arxentina e no Uruguai, das que tamén salientou a boa acollida

Outros retos aos que se referiu son o absentismo laboral, sobre o que se sigue afondando no grupo de traballo específico dentro do Diálogo Social, e a remuda xeracional con accións para promovela como a futura Estratexia Mocidade Activa 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, puxo hoxe de relevo a necesidade de seguir traballando da man das empresas para captar e reter talento, atender as necesidades de man de obra e cubrir as vacantes laborais e, deste xeito, favorecer a competitividade e a produtividade das empresas. Así o destacou durante a apertura da sesión plenaria da Cámara de Comercio de Santiago, que acolleu a empresa Seguridade A1 no marco da iniciativa de deslocalizar os plenos desta entidade co fin de achegarse á realidade empresarial. 

O conselleiro valorou o papel chave da Cámara de Comercio -recoñecendo o traballo do equipo directivo liderado pola presidenta da entidade, María Pais, presente no acto- na defensa dos intereses coma o comercio, a industria, os servizos e a navegación e apelou a continuar dando pulo á colaboración público-privada entre a Consellería e a Cámara, que se reflicte en encontros coma este e iniciativas de apoio á formación en emprendemento, comercio, artesanía ou economía social. En canto a Seguridade A1, cuxas instalacións visitou antes do inicio da sesión plenaria, agradeceu a súa hospitalidade e púxoa como exemplo innovación no deseño e instalación de sistemas de seguridade para a protección de negocios e particulares e tamén de crecemento acompañado das novas tecnoloxías. 

Ademais, o conselleiro puxo de relevo a folla de ruta de Galicia para reter e potenciar o talento tanto no mercado interno así como captalo no exterior. 

Dentro de Galicia salientou accións como a firme aposta do Goberno galego a prol da formación flexible de curta duración e á carta das empresas na liña que promove a UE e neste ámbito subliñou que Galicia acaba de iniciar o procedemento de cara a elaboración do anteproxecto de decreto polo que se regulará o marco galego de microcredenciais para o traballo tal e como se informou onte ao Consello da Xunta. Trátase dunha norma pioneira en España para potenciar a capacitación laboral en liña coas necesidades do tecido produtivo. Tamén lembrou a potenciación do Servizo Público de Emprego con accións como a ferramenta EMi, dispoñible nas oficinas de emprego da comunidade para casar oferta e demanda no mercado laboral e recoñecida pola Comisión Europea. Para captar talento, explicou que as accións enfócanse principalmente ao retorno dos galegos ben como emprendedores, ben como traballadores por conta allea e neste eido salientou a boa acollida das feiras de emprego celebradas hai uns días na Arxentina e no Uruguai.

Absentismo laboral e remuda xeracional

Outro desafío ao que se referiu o conselleiro foi o do absentismo laboral, cuestión sobre a que a Xunta presentou un informe técnico realizado pola Universidade de Santiago de Compostela e a de Vigo sobre o seu impacto e no que se sigue afondando de xeito transversal entre o Goberno galego, empresas, traballadores e expertos no marco do grupo de traballo específico creado dentro de Diálogo Social. Tamén mencionou a remuda xeracional no tecido empresarial e explicou que para promovela o Executivo autonómico pon o foco na mocidade, un dos colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego, co fin de garantir a incorporación de talento novo. Neste ámbito traballa na Estratexia Mocidade Activa dotada con 20M€ só por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Ademais, dentro do comercio, sinalou que o futuro Plan estratéxico 2025-2030 contemplará medidas para impulsar a remuda xeracional neste sector.

Para abordar estes desafíos, o conselleiro insistiu na necesidade de colaboración do Goberno central, tal e como lle ten solicitado para distintas cuestións relacionadas coa inserción laboral dos traballadores estranxeiros captados da man das empresas, a flexibilización dos fondos de formación para o emprego ou o pulo ao comercio local.     

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2025