O presidente visitou as novas instalacións, que contan cun orzamento de 313.000€ por parte da Xunta

Rueda inaugura a nova sede de Down Ourense e reivindica o papel das entidades sociais na atención ás persoas con discapacidade

Apunta á necesidade de que as administracións públicas colaboren para aproveitar as oportunidades e acompañar a labor das entidades

O futuro Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade de Ourense verá a luz ao longo deste ano

Ourense, 21 de marzo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, inaugurou hoxe a nova sede de Down Ourense e reivindicou o papel das entidades sociais na atención ás persoas con discapacidade.

Durante a súa intervención no acto, Rueda salientou a importancia do evento e agradeceu ás entidades sociais e familias o seu traballo constante, sen o cal “sería imposible que estivésemos onde estamos en Galicia”. Segundo sinalou o presidente, con esta inauguración ponse a disposición de entidades e familias un novo recurso, sen esquecer que “queda moito por facer”.

Neste sentido, o titular do Goberno galego apuntou a que as administracións públicas deben colaborar e “aproveitar as oportunidades” de axudar, así como “acompañar” e responder aos impulsos que proveñen das entidades, dando así “contido” á palabra “inclusión”.

Estas novas instalacións contan cun espazo de máis de 800m2 repartidos en dúas plantas, con capacidade para atender a preto de 150 usuarios. O novo emprazamento nace ante o aumento de beneficiarios da entidade, que se incrementou nos últimos anos e que requiría unha expansión para atender as súas necesidades. Deste xeito, o novo edificio conta coa colaboración da Xunta de Galicia (que achega 313.000€), a Deputación de Ourense, a ONCE e o Concello de Ourense, ademais de contribucións propias de Down Ourense.

O presidente da Xunta enxalzou o labor desta entidade que, dende o seu nacemento hai máis de 20 anos, conta cunha actividade consagrada á atención ás persoas coa Síndrome de Down e con discapacidade intelectual desde as etapas infantís á idade adulta, acompañándoos cara unha maior independencia persoal e integración social e profesional.

Os orzamentos da Xunta dedicados á discapacidade incrementáronse neste ano, superando os 176 millóns de euros, co fin de impulsar servizos fundamentais para a comunidade. Ademais, no caso de Ourense, o futuro Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade porase en marcha ao longo deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2025