Lete Lasa define a Travesía de Sechu López no Ártico canadense como “unha das máis apaixonantes do deporte galego que chega aos confíns do mundo”
Na recepción o secretario xeral entregou ao montañista galego unha bandeira de Galicia que levará polos pobos inuit da expedición, un dos tramos da ruta que fixo Amundsen a principios do século XX para unir os océanos Atlántico e Pacífico a través do Ártico
Santiago, 21 de marzo de 2025
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe nas dependencias da Secretaría Xeral na Escola Galega de Administración Pública ao montañista Sechu López, xusto antes de que comece a Travesía Mar de Xeo 2025 polo arquipélago Ártico Canadense na que contará co patrocinio da Xunta de Galicia. O mandatario galego definiu esta aventura como “unha das máis apaixonantes do deporte galego que cada día demostra que leva a súa excelencia aos confíns do planeta”.
O secretario xeral gabou a figura de Sechu López indicando algúns dos fitos da súa dilatada carreira como ser “o primeiro galego que acadou o mítico cumio do Annapurna, así como outros oito miles e seis miles que son a mellor tarxeta de presentación de todos os seus ascensos realizados en 28 países dos cinco continentes”. Lete Lasa apuntou ademais que Sechu foi deportista galego de alto nivel entre os anos 2013 e 2016, un camiño no que contou co apoio da Xunta que tamén o acompañará nesta travesía.
Sechu López, dixo o secretario xeral, “é un exemplo para todos os nenos e nenas de Galicia que se animan a practicar deporte e montañismo, en particular”. De feito, en 2009 as licenzas de montañismo apenas chegaban ás 2.000 e hoxe multiplícanse case por catro, acadando as 7.600 cunha porcentaxe de mulleres do 41%. Neste sentido, destacou a importancia de instalacións como o rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, instalado pola Xunta en 2019.
Na recepción o secretario xeral entregou ao montañista galego unha bandeira de Galicia que levará polos pobos inuit da travesía, un dos tramos da ruta que fixo Roald Amundsen a principios do século XX para unir os océanos Atlántico e Pacífico a través do Ártico.