A conselleira de Política Social e Igualdade mantivo unha xuntanza coa alcaldesa deste municipio, Ana Villarino

A Xunta avalía novas vías de colaboración co concello de Oímbra para seguir mellorando a atención ás persoas dependentes

Fabiola García sinalou que o Executivo Galego conta con 23 prazas públicas de atención a maiores nestes municipio

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse coa alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, para avaliar os recursos de atención a maiores deste concello e impulsar novos proxectos que permitan mellorar o coidado das persoas dependentes.

A conselleira de Política Social e Igualdade indicou que a Xunta de Galicia financia 23 prazas de atención e coidado de maiores neste concellos. Ademais, trasladou que a Xunta de Galicia destina 50.000 euros para sufragar o Bono Coidado no Fogar deste municipio e que facilita ás persoas que o desexen ser coidadas nas súas casas por persoas da súa contorna.

Ademais, lembrou que este Concello participa no programa Xantar na Casa que ofrece ás persoas usuarias recibir nas súas vivendas un menú saudable cada día.  As persoas beneficiarias unicamente teñen que quentar a comida nun microondas sen necesidade de realizar ningún tipo de elaboración adicional. Ao respecto, a conselleira sinalou que a Xunta de Galicia inviste só en Oímbra preto de 13.000 euros para financiar o programa.

Fabiola García trasladou á alcaldesa o compromiso da Xunta de Galicia para seguir traballando na mellora da atención aos maiores e impulsar a súa autonomía e dotándoos de recursos que lle permitan vivir esta etapa das súas vidas no lugar que eles desexen.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2025