A obra enmárcase no proxecto Coruña Marítima, e supón habilitar unha zona de baño seguro
Rueda asiste ao inicio das obras da plataforma flotante no Parrote da Coruña e defende fortalecer a relación da cidade co entorno mariño
“Todas as cidades modernas que viven mirando ao mar teñen instalacións deste tipo”, salienta o presidente
O novo espazo, que estará rematado este verán, contará con dúas piscinas, unha delas aberta ao mar, gradas, espazos de descanso e pasarela accesible
Supón un investimento de 2,9 M€, froito da colaboración entre Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña
Subliña a importancia de impulsar proxectos que permitan compatibilizar a actividade pesqueira, “fonte de riqueza”, co uso público e desfrute de veciños e turistas
A Coruña, 25 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe ao inicio das obras da plataforma flotante da zona do Parrote (A Coruña), unha actuación enmarcada no proxecto Coruña Marítima, que busca fortalecer a relación da cidade co seu entorno mariño. “Todas as cidades modernas que viven mirando ao mar teñen instalacións deste tipo”, resaltou.
A nova estrutura, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria da cidade, conta cun orzamento de 2,9 millóns de euros, e situarase entre o peirao de Transatlánticos e o castelo de San Antón. A instalación contará cunha zona de baño seguro que abrangue dúas piscinas (unha delas aberta ao mar), gradas, espazos de descanso e unha pasarela accesible e, segundo as estimacións, estará lista para empregarse a comezos deste verán.
Para que poida ser posible, en paralelo á execución das obras no Parrote, estanse xa a fabricar os bloques de formigón aos que irá ancorada a plataforma flotante, así como as partes que conformarán a propia plataforma.
O presidente subliñou a “importante aposta” da Xunta por unha infraestrutura que resultará fundamental para mellorar o acceso ao mar, dinamizar a economía local e avanzar no desenvolvemento sostible e modernización das infraestruturas portuarias.
O uso desta nova instalación será compatible coas zonas de paso de embarcacións e do tránsito marítimo, ademais de coa actividade marisqueira propia do Parrote. Por iso, para o presidente trátase dun bo exemplo de que é posible e necesario “compatibilizar a actividade vencellada ao mar que é unha fonte de riqueza e a vida do outro lado” con instalacións para facilitar “o baño e o desfrute”.
Cara a nova fachada marítima da cidade
Durante a visita, na que estivo acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, o presidente asegurou que estas novas instalacións permiten avanzar na senda de “transformar definitivamente” a cidade da Coruña co deseño da nova “fachada marítima”. Un proxecto “ambicioso” que conta con compromiso da Xunta e que agarda conte coa colaboración das distintas administracións para poder levalo a cabo.