O Consorcio Provincial da Coruña para a prestación do servicio contra incendios e salvamento aproba o primeiro convenio colectivo e a modificación da relación de postos de traballo

Na xuntanza da entidade celebrada esta mañá participou por parte do Goberno galego a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva

A Coruña, 25 de marzo de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo,  e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiron ao pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña.

O Consorcio Provincial da Coruña para a prestación do servizo contra incendios e salvamento está  integrado pola Xunta e a Deputación Provincial da Coruña, no encontro aprobouse o primeiro convenio colectivo para o persoal operativo dos parques de bombeiros dependentes desta entidade, así como unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) do servizo.

A aprobación supón a culminación da negociación iniciada despois de que, en febreiro do pasado ano, representantes da Xunta, das deputacións provinciais e dos sindicatos, pecharan un acordo para os parques dos consorcios provinciais contra incendios. De feito, á aprobación de hoxe na Coruña súmase aos convenios e RPT xa ratificados nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

O acordo de hoxe será de aplicación aos  bombeiros que prestan os seus servizos nos parques de Carballo, Arteixo, Ordes, Arzúa, As Pontes, Betanzos, Boiro, Ribeira, Cee e Santa Comba. Recolle melloras salariais de máis de 8.000 euros anuais por bombeiro, ademais do incremento de 42 efectivos que se sumarán aos 174 xa existentes nos dez parques comarcais da provincia. O incremento de profesionais recóllese nunha nova RPT que define as funcións de todos os postos de traballo e un novo organigrama.

Ademais das melloras salariais e o incremento de efectivos nos parques comarcais de bombeiros, o acordo de hoxe contempla tamén melloras sociais para os bombeiros, así como medidas para favorecer a conciliación familiar e a formación continua dos profesionais das emerxencias na provincia coruñesa.

O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta, pese a non tratarse dunha competencia autonómica, colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento. Ambos destacaron a importancia da implicación e da cooperación entre administracións no ámbito da xestión das emerxencias co obxectivo de ofrecer un servizo o máis eficiente posible co que dar unha resposta áxil e eficaz ante calquera incidencia. Belén do Campo agradeceu aos representantes do Comité de Empresa do Consorcio Provincial de Bombeiros o traballo que levan a cabo para protexer aos cidadáns e o director xeral, Santiago Villanueva, destacou que “este acordo pon fin a un longo conflito cos bombeiros e supón a aprobación de importantes melloras económicas e sociais”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2025