María José Gómez presenta Galicia como potencia leiteira na Feira Internacional para a Produción Animal de Zaragoza

A conselleira do Medio Rural inaugurou o Foro Lácteo no marco deste evento, onde destacou que a nosa comunidade é a rexión máis produtora de España e sitúase entre as dez primeiras de Europa

Destacou a importancia destes eventos, de gran utilidade para “intercambiar coñecementos e dialogar” sobre o presente e o futuro dun sector “vital” para a economía galega e española

Gómez resaltou a aposta impulsada polo Goberno autonómico para este sector, baseada en tres piares fundamentais: a remuda xeracional, a innovación e a transformación da materia prima

Zaragoza, 27 de marzo de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, inaugurou esta mañá a 1ª edición do Foro Lácteo no marco da Feira Internacional para a Produción Animal (Figan), que está a ter lugar esta semana na cidade de Zaragoza. Alí, destacou que a nosa comunidade é unha “potencia leiteira”, consolidándose como a rexión máis produtora de España e situándose entre as dez primeiras de Europa.

María José Gómez sinalou a importancia deste tipo de eventos, de gran utilidade para “intercambiar coñecementos e dialogar” sobre o presente e o futuro dun sector “vital” para a economía galega e española. De seguido, definiu Figan como “o maior escaparate gandeiro do sur de Europa”.

Referíndose de novo ao noso territorio, explicou que o sector lácteo representa o 1,5 % do PIB galego e supón 2 % da produción industrial nacional, polo que se constitúe como un eido “esencial”. Gómez resaltou a aposta impulsada pola Consellería do Medio Rural para este sector, baseada en tres piares fundamentais: a remuda xeracional, a innovación e a transformación da materia prima.

En relación con este último aspecto, a Xunta puxo en marcha unha estratexia de dinamización específica, que entre os seus obxectivos procura acadar que o 75 % do leite producido en Galicia se transforme dentro da comunidade, co fin último de dotar de valor engadido ao produto.

Gómez asegurou que “necesitamos explotacións modernas e profesionais para poder ser competitivos”; por iso, destacou o compromiso do seu departamento pola formación para que os gandeiros estean “á vangarda tecnolóxica”. Así, lembrou a importancia da formación e da incorporación de novas tecnoloxías ao agro para potenciar a eficiencia das explotacións, incrementar a produtividade e mellorar a calidade de vida dos profesionais.

Primeira edición do Foro Lácteo

Ademais de contar coa presenza da conselleira do Medio Rural na inauguración do Foro Lácteo, o departamento participou tamén cun faladoiro propio a cargo do director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, que expuxo un relatorio sobre a situación actual do sector lácteo español.

O Foro Lácteo é unha das principais novidades da décimo sétima edición de Figan, creado en colaboración coa revista Vaca Pinta, especializada neste sector. Este evento nace co obxectivo de promover o diálogo e a transferencia de coñecemento na industria láctea.  Nel participan expertos e produtores, que analizan a modernización das explotacións, a valorización do produto final e a sustentabilidade, así como a transformación dixital na xestión de muxido. No foro abórdanse tamén cuestións relacionadas cos avances en xenética, a nutrición de calidade da forraxe, a eficiencia produtiva e as tendencias de consumo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2025