A Xunta celebra que o Ministerio atenda por fin as súas demandas e anuncie novos xulgados de violencia sobre a muller en Santiago e Ourense

O Goberno central vén de anunciar 53 prazas de maxistrados para asumir estes casos e dúas destas prazas crearanse en Santiago de Compostela e Ourense

O Goberno galego alerta de que a posible conversión de dous xulgados de instrución en xulgados de Violencia sobre a Muller na Coruña e en Vigo anunciada polo Ministerio de Xustiza podería afectar á carga de traballo destes tribunais e esixe que a creación das novas unidades xudiciais non sexa a costa dos xulgados de instrución

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2025

A Xunta vén coñecer o anuncio do Ministerio de Xustiza de aumentar en 53 as prazas de maxistrados para asumir os casos de violencia sexual, das que dúas delas se prevén crear en Galicia. Isto suporía a creación de dous novos xulgados, un en Santiago de Compostela e outro en Ourense, que funcionarían de xeito comarcalizado.  

Ante este anuncio, a Xunta asegura que o idóneo sería contar con xulgados específicos de violencia, pero en todo caso celebra que por fin o Ministerio atenda as demandas do Goberno galego porque precisamente o xulgado de Violencia sobre a Muller en Santiago de Compostela, é unha petición que a Xunta vén reclamando nos últimos dous anos xunto co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A petición en concreto foi, tanto no ano 2023 como no ano 2024, a creación inmediata en Santiago e, posteriormente e de forma paulatina, en todas as cidades galegas.

Por outra parte, a proposta do Goberno central, inclúe a conversión de dous xulgados de instrución en xulgados de Violencia sobre a Muller, un na Coruña e outro en Vigo. A Xunta advirte de que, sobre todo no caso de Vigo, afectaría á carga de traballo do xulgado de instrución, xa que os máis de 2.900 asuntos ingresados de media por xulgado o ano pasado supuxeron xa un 85% do módulo de entrada fixado polo Consello Xeral do Poder Xudicial.

Por iso, esixe ao Goberno que a creación das dúas novas unidades xudiciais non sexa a costa dos xulgados de instrución.

Data de actualización: 31/03/2025