Corgos afirma que a Xunta seguirá apostando polo “estilo Galicia” que busca aportar certezas e seguridade, cuns orzamentos aprobados en tempo e forma

O conselleiro de Facenda precisou que a estabilidade política e institucional favorece a estabilidade financeira e orzamentaria, o que permitiu recuperar antes que España o nivel de riqueza previo á pandemia e asentar o crecemento por riba do 2% anual

Subliñou que grazas a este modelo propio, Galicia ten capacidade para compatibilizar máis investimento e menos impostos

Insistiu en que o Goberno galego seguirá apostando por unha Administración que axude a crear, atraer e consolidar o tecido produtivo sendo cada vez máis eficaz, accesible e próxima ao cidadán

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que a Xunta seguirá apostando polo “estilo Galicia” que busca aportar certezas e seguridade, cuns orzamentos aprobados en tempo e forma para poder executalos desde o primeiro día de cada exercicio. 

Durante o Almorzo-Coloquio co presidente do Banco de España, José Luis Escrivá, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia, Miguel Corgos subliñou que o traballo e a responsabilidade permitiron que hoxe Galicia sexa recoñecida como unha Comunidade solvente que ofrece as máximas garantías para que todas as empresas que queiran investir aquí, poidan facelo con seguridade.

Así mesmo, precisou que a estabilidade política e institucional favorece tamén a estabilidade financeira e orzamentaria, o que permitiu recuperar antes que España o nivel de riqueza previo á pandemia e asentar o crecemento por riba do 2% anual, cunhas taxas de paro en niveis mínimos de fai 15 anos e cunhas exportacións en máximos, estabilizadas por riba dos 30.000 millóns de euros anuais.

“E grazas a este modelo propio, temos capacidade para compatibilizar un mix de máis investimento e menos impostos”, dixo, subliñando que o Goberno galego reforza continuamente os servizos públicos que presta, a sanidade, a educación e as políticas sociais, ao mesmo tempo que consolida un modelo fiscal competitivo con marxe para seguir sumando rebaixas de impostos selectivas e adaptadas á conxuntura.

Con este dobre obxectivo, recordou que neste 2025 Galicia conta con máis recursos que nunca para o Estado do benestar, superando por primeira vez os 10.000 millóns; e, cun paquete de medidas encamiñadas a facer máis accesible tanto a compra como o aluguer dunha vivenda. Ademais de incluír unha nova rebaixa de impostos, que fai que a comunidade se consolide entre as autonomías de España con mellor tratamento fiscal no imposto de sucesións –desde o 1 de xaneiro os primeiros 25.000 euros das herdanzas entre parentes, o denominado Grupo III, están libres de impostos-. 

Nesta mesma liña, resaltou que Galicia foi a comunidade que menos incrementou porcentualmente o endebedamento desde 2009. Así, o pasado 2024, reduciu a súa débeda en 233 millóns, baixo a previsión de pechar o exercicio cunha ratio débeda/PIB do 14,5%, en niveis do ano 2012. “Acabamos de coñecer os datos definitivos do peche do 2024, que mostran que once comunidades pechamos con superávit”, dixo, precisando que, no caso de Galicia, este superávit supón o 0,25% do PIB. “E, ademais, cun esforzo inversor moi importante, do 16,5% do gasto non financeiro, ata os 2.180 millóns de euros, unha das cifras máis altas da historia”, engadiu.

Sen orzamentos do Estado, nin actualización das entregas a conta

Consciente de que as administración públicas, en vez de contribuír a incrementar a incerteza, deben xogar un papel de estabilidade, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, aproveitou a súa intervención para trasladar a preocupación ante un escenario nacional marcado un ano máis pola falta de orzamentos do Estado e a actualización das entregas a conta. 

Sobre este último punto, lembrou que Galicia está funcionando cunhas entregas a conta do sistema de financiamento de 2023, cando pasou xa o primeiro trimestre do ano, o que supón ao redor de 130 millóns de euros menos dos inicialmente comunicados.

Diante deste panorama, Miguel Corgos incidiu en que, pola contra, o Goberno galego seguirá traballando pola estabilidade institucional e financeira de Galicia, sendo un aliado para crear, atraer e consolidar o tecido produtivo, ademais de reforzar a aposta pola innovación e a capacidade para atraer e reter talento. “En definitiva, seguiremos apostando por unha Administración cada vez máis eficaz, accesible e próxima ao cidadán”, concluíu.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2025