O conselleiro de Sanidade interveu no acto de inauguración do XI Congreso do Grupo Español de Tratamento de Tumores de Cabeza e Pescozo

Gómez Caamaño destaca que o Servizo Galego De Saúde atende os pacientes con sospeita de cancro de cabeza e pescozo en 5,4 días de media

Sinala que entre xaneiro e marzo deste ano a sanidade pública galega atendeu 628 pacientes con sospeita de padecer cancro de cabeza e pescozo

Remarca que Galicia é pioneira en diversas áreas da oncoloxía, o que amosa o compromiso do Executivo galego na loita contra esta patoloxía

Destaca que a Estratexia galega de oncoloxía se centra na prevención e detección precoz, no diagnóstico preciso e nos tratamentos de vangarda

Incide en que o cancro require dunha abordaxe multidisciplinar, por medio de equipos hetereoxéneos que ofrezan un tratamento integral

A Coruña, 3 de abril de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que entre os meses de xaneiro e marzo deste ano a sanidade pública galega atendeu 628 pacientes con sospeita de padecer cancro de cabeza e pescozo nun tempo medio de espera de 5,4 días.

O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu no acto de inauguración do XI Congreso do Grupo Español de Tratamento de Tumores de Cabeza e Pescozo que se está a celebrar na Coruña.

Neste foro, o conselleiro remarcou que no campo da oncoloxía Galicia é pioneira en diversas áreas, o que amosa o compromiso do Executivo galego na loita contra esta patoloxía.

A estratexia galega neste campo céntrase en tres eixes fundamentais, que son a prevención e detección precoz, o diagnóstico preciso e os tratamentos oncolóxicos de vangarda.

O conselleiro incidiu en que a mellora nos tempos de atención supón tamén mellorar o prognóstico da enfermidade, pero insistiu en que a mellor baza é sempre a prevención.

Abordaxe multidisciplinar

Na súa intervención, Gómez Caamaño subliñou que o cancro require dunha abordaxe multidisciplinar, por medio de equipos hetereoxéneos que ofrezan un tratamento integral, mellorando, deste xeito, o prognóstico e calidade de vida dos pacientes.

A tal efecto, puxo en valor a recente constitución do Comité molecular de tumores de Galicia, co obxectivo de buscar a equidade no acceso a unha asistencia personalizada e ás terapias máis avanzadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2025