Medio Rural lanza o primeiro curso en liña de especialista en viños de Galicia

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, pon en marcha así un innovador programa de formación telemática destinado á promoción e o coñecemento dos viños da nosa comunidade

O curso, dirixido tanto a profesionais do sector como a afeccionados, permitirá aos interesados afondar en aspectos como as variedades autóctonas, solos, clima, historia, técnicas de elaboración tradicionais e modernas ou tendencias de mercado

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025

A consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, lanza o primeiro curso de formación en liña de especialista en viños de Galicia. Trátase dunha iniciativa impulsada de acordo con DipWSET e que constitúe un innovador programa de formación en liña destinado á promoción e o coñecemento dos viños da nosa comunidade.

Así, este curso, dirixido tanto a profesionais do sector vitivinícola como a afeccionados, busca acercar a riqueza e diversidade dos viños amparados pola calidade diferenciada que outorgan as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas recoñecidas en Galicia. A través dunha plataforma dixital accesible na seguinte ligazón: https://online.galicia.wine, os participantes poderán afondar en aspectos claves como as variedades autóctonas, solos, clima, historia, técnicas de elaboración tradicionais e modernas, así como as  tendencias de mercado.

Esta plataforma foi  creada por Galicia Wine Academy, escola referente en formación en cultura do viño en Galicia e centro autorizado para impartir cualificacións internacionais como WSET® (polas súas en inglés, a Wine & Spirit Education Trust é o maior provedor mundial de cualificacións formativas en viños) dende o ano 2018. Na súa posta en marcha tivo un papel protagonista Jorge Vila, fundador e director de Galicia Wine Academy.

Curso introdutorio e especializado

A través desta plataforma en liña ofrécense dous cursos: un de carácter gratuíto de Introdución aos Viños de Galicia; e un programa de Especialista en Viños de Galicia, moito mais completo e dirixido a profesionais e amantes do viño.

Esta formación inclúe clases en vídeo gravadas nas principais zonas vitivinícolas de Galicia e coa participación dalgúns dos mais recoñecidos expertos; material dixital complementario con entrevistas e reportaxes exclusivos; adestramento en técnicas de cata profesional e un enfoque práctico e accesible, tanto para afeccionados como para profesionais. Ademais, proximamente estará dispoñible tamén a versión en inglés de ambos cursos, para  facilitar así o  acceso ao maior número posible de interesados.

Formación sobre os viños galegos

Desde 2017, Galicia Wine Academy formou máis de 2.000 estudantes na nosa comunidade e noutros puntos de España, combinando formacións propias e certificacións internacionais WSET. Con este novo campus en liña, reforza a súa vocación por achegar a cultura do viño galego a todo o mundo, nun momento en que o e-learning crece un 7% anual en Europa e a  demanda de especialización en viños de diferentes territorios é cada vez maior no ámbito profesional.

Galicia e unha das zonas produtoras de viño máis singulares de Europa e os seus viños levan anos xerando un gran interese no ámbito internacional entre profesionais e expertos que demandan poder afondar no coñecemento das nosas particulares comarcas vitivinícolas.

O viño é un dos grandes sinais de identidade de Galicia, e non só pola súa importancia como actividade económica en si mesma, senón por cultura, historia e tradición. Con esta formación, a Xunta quere contribuír a facilitar o acceso a un coñecemento rigoroso e actualizado sobre os viños amparados por marca de calidade diferenciada en Galicia, fomentando a súa valoración tanto dentro como fora da nosa comunidade.

Data de actualización: 03/04/2025