A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, participou nas xornadas que organiza a Sociedade de Directivos de Atención Primaria (SEDAP) en Málaga

Galicia comparte coas administracións sanitarias autonómicas a evolución e os resultados do sistema de atención integral da demanda

López Linares trasladou os últimos datos que se desprenden do sistema de organización de citas que emprega o Servizo Galego de Saúde

Desde a súa posta en marcha, en marzo de 2022, este sistema rexistrou máis de 20 millóns de consultas no primeiro nivel asistencial

A sanidade pública galega está a desenvolver pilotaxes de 19 procesos vinculados á xestión da demanda de enfermería

Málaga, 3 de abril de 2025

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, participou esta mañá nas xornadas que a Sociedade de Directivos de Atención Primaria (SEDAP) está a organizar en Málaga, co obxectivo de compartir as últimas experiencias e boas prácticas implementadas polos diferentes servizos sanitarios do territorio español.

No caso de Galicia, López Linares explicou a evolución do sistema de xestión integral da demanda co que o Servizo Galego de Saúde organiza as consultas do primeiro nivel asistencial da sanidade galega.

Segundo precisou, desde a posta en marcha da súa pilotaxe, en marzo do ano 2022, o Servizo Galego de Saúde leva rexistradas máis de 20 millóns de citas a través deste sistema, unha cifra que progresivamente se irá ampliando pois só durante o pasado ano o número total deste tipo de citas acadou os 9 millóns.

A responsable sanitaria incidiu en que este sistema permitiu reducir as citas forzadas nun 59 %, en comparación con aqueles centros de saúde que aínda non o empregaban.

Durante a súa intervención, a directora xeral tamén precisou que a sanidade pública  galega está a xestionar as consultas de enfermería a demanda mediante a pilotaxe de 19 protocolos no centro de saúde da Estrada.

Con estes protocolos, o Servizo Galego de Saúde está a achegar unha resposta segura e homoxénea ás citas que os seus usuarios solicitan cos profesionais de enfermería. Neste sentido, e segundo se desprende dos datos recompilados, até pasado mes de marzo, das 1.559 citas rexistradas ao través da xestión da demanda de enfermería, un total 573 (o 37 %) acadaron unha resposta final, mentres que, as restantes 986, precisaron de derivación aos especialistas de medicina familiar e comunitaria.

Por último, López Linares apuntou que o 73 % das consultas solicitadas estaban vinculadas a tres tipos de doenzas: molestias urinarias, dor de gorxa e arrefriados comúns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2025