A Xunta apoia con 1,2 millóns de euros a promoción fora de Europa do sector vitivinícola da área territorial de Pontevedra
O delegado territorial visitou as instalacións de Attis Bodegas y Viñedos S.L., que recibiu unha achega de máis de 55.400 euros
Estas axudas beneficiaron a un total de 13 empresas, 9 delas afincadas na área territorial de Pontevedra
Meaño (Pontevedra), 3 de abril de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Attis Bodegas e Viñedos S.L. con motivo das axudas da Xunta para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países.
Así, esta empresa que se dedica principalmente á comercialización de viño, recibiu unha achega de máis de 55.400 euros, coa que a Xunta busca fomentar a súa imaxe fora dos países da unión europea. Cabe destacar que, tal e como confirmou o responsable da empresa, as exportacións xa supoñen unha porcentaxe moi elevada da facturación total da empresa, polo que estas axudas veñen a apoiar unha vía de negocio que está a demostrar ser moi positiva para o sector vitivinícola galego.
Neste sentido, na convocatoria do 2024 beneficiáronse destas axudas un total de 13 empresas, das que 9 corresponden á área territorial de Pontevedra (1,2 millóns de euros). O orzamento total desta liña de subvencións é de preto de 1,3 millóns de euros.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor “o excelente traballo que levan a cabo as bodegas galegas e, moi especialmente, as afincadas na provincia de Pontevedra onde a calidade e a excelencia dos seus produtos está a conseguir abrir oportunidades de negocio no estranxeiro que acaban por reverter de forma moi positiva no progreso económico e social da provincia”.