A Xunta concede 18 axudas no concello de Lugo para a compra de taxis adaptados, de baixas emisións ou eléctricos

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que suman 30.000 euros en achegas  e xa está aberta unha nova convocatoria para “seguir impulsando un servizo máis moderno, accesible e sostible”

Lugo, 4 de abril de 2025

A Xunta concedeu no último ano 18 axudas a taxistas do concello de Lugo para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e vehículos de baixas ou cero emisións, cun investimento total de 30.000 euros. 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier  Arias, explicou que xa está aberta unha nova convocatoria para “seguir impulsando un servizo máis moderno, accesible e sostible”. Ao respecto, indicou que as 18 achegas da pasada edición contribuíron á renovación da cuarta parte da frota de taxis do municipio, que rexistra 69 licencias.

En concreto, outorgáronse 16 axudas para a compra de taxis de baixas emisión (con algún tipo de hibridación que combina dous ou máis combustibles), outra para un vehículo de tipo emisións cero (100 % eléctricos ou híbridos enchufables), e unha máis  para un vehículo adaptado para persoas con  mobilidade reducida. 

Arias mantivo hoxe un encontro con Jorge López Díaz, beneficiario desta última, a quen agradeceu a súa aposta “por prestar un servizo de transporte inclusivo, incrementando a autonomía das persoas que o necesitan”. Tamén estivo presente o presidente da Asociación provincial de taxis, Jesús Rodríguez.

O prazo para presentar novas solicitudes ao abeiro deste programa permanecerá aberto ata o 14 de outubro ou ata esgotar o crédito dispoñible, que suma 500.000 euros para as tres liñas. As subvencións son de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións, 4.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados( Eurotaxi).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2025