A Xunta autoriza a repotenciación do Parque Eólico Coriscada, nos concellos de Mañón e Ortigueira

O proxecto aprobado suporá o desmantelamento das instalacións existentes así como a posterior colocación doutras novas coas que se pasará de 40 aeroxeradores a unicamente catro

A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático tramitou no último ano a repotenciación voluntaria de nove parques, que xa obtiveron a avaliación ambiental favorable, oito dos cales xa foron autorizados

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025

A Xunta de Galicia autorizou a repotenciación dun parque eólico de preto de 25 megavatios nos concellos coruñeses de Mañón e Ortigueira. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático pola que se autoriza tanto o desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Coriscada como a construción doutras novas na contorna pasando dun total de 40 aeroxeradores a catro.

Deste xeito, a empresa promotora desmantelará os aeroxeradores instalados neste parque, así como as demais instalacións e infraestruturas correspondentes. En paralelo, restauraranse tanto as canalizacións como os camiños que queden sen uso. A autorización administrativa para proceder á repotenciación do proxecto Coriscada suporá a instalación de catro novos aeroxeradores e dunha liña eléctrica soterrada. Cómpre indicar que a enerxía procedente do novo parque eólico se recollerá na subestación transformadora existente, logo de adaptar o edificio existente e de construír un novo almacén.

O futuro parque contará cunha produción neta de 92.350 megavatios hora ao ano tras un investimento total -entre o desmantelamento das instalacións actuais e a execución dos traballos para a repotenciación- de preto de 28 millóns de euros de execución material.

A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático está a facilitar as repotenciacións voluntarias que melloran a eficiencia dos parques actuais e reducen o seu impacto na paisaxe pois permiten reducir ata un 80% o número de aeroxeradores e aumentar un 35% a súa capacidade de produción de enerxía renovable. No último ano tramitou a repotenciación voluntaria de nove parques, que xa obtiveron a avaliación ambiental favorable, oito dos cales xa foron autorizados.

Data de actualización: 08/04/2025