A Xunta subvenciona con máis de 100.000 euros a mellora da eficiencia enerxética do Hotel Delfín Azúl, en Sanxenxo
O delegado territorial visitou as obras e destacou a importancia de manter un sector turístico de excelencia
As previsións turísticas para esta Semana Santa son moi positivas e espérase un aumento do 20% na chegada de visitantes a Galicia
Sanxenxo (Pontevedra), 8 de abril de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións do Hotel Delfín Azúl, en Sanxenxo, que foi un dos beneficiarios das axudas para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas da Xunta.
En concreto, o Hotel Delfín Azúl recibiu unha achega de máis de 100.000 euros que lle está a permitir reformar as fachadas e as fiestras para mellorar o illamento dos espazos interiores, algo que esperan que resulte nunha diminución do gasto eléctrico e nun abaratamento dos custes fixos do establecemento.
Este Hotel atópase ademais nunha reforma máis ambiciosa que cambiará por completo os espazos interiores e exteriores do mesmo. O delegado territorial destacou o “impresionante cambio que xa se pode ver” e agradeceu aos dous irmáns propietarios a súa “valentía e sentimento emprendedor”.
Reguera rematou a visita lembrando que “o turismo galego, e moi especialmente o turismo do Salnés, goza dunha saúde estupenda que todos temos que coidar e mimar para conservar a calidade e dos nosos servizos”.
Semana Santa
Cara a Semana Santa, Galicia continua a mellorar os seus datos de ocupación. As reservas e contratación de voos medraron un 28% con respecto ao ano pasado. Ademais o tráfico internacional aumenta en case un 90% os billetes emitidos.
Mesmo así, o turismo nacional segue sendo o principal mercado, sendo Madrid e Barcelona os dous principais puntos dos voos a Galicia e supoñendo o 49% das prazas ofertadas, pero tamén destacan as conexión coas Illas -Canarias e Baleares- e cidades como Málaga, Sevilla, Alacante e Valencia.
Fora de España as principais conexións teñen como lugares de orixe Londres, Xenebra, Dublín e París.
A estas boas expectativas hai que engadir a chegada de peregrinos que acostuman a elixir estas datas para facer o Camiño. En 2024, 12.911 persoas realizaron o Camiño durante a Semana Santa, que coincidiu no mes de marzo. E este ano, o ritmo de crecemento de peregrinos está a ser superior ao 20% ata o de agora.