A Xunta somete a información pública o proxecto de acondicionamento da estrada AC-406 nos concellos de Val do Dubra e da Baña, cun investimento de 4,4 M€

O obxectivo é mellorar o trazado do tramo entre os puntos quilométricos 18+477 e 21+925 desta estrada autonómica co fin de reforzar a seguridade viaria, e habilitando un carril adicional de máis de 1 quilómetro de lonxitude de adiantamento

O proxecto contempla a rehabilitación do firme, a adecuación do sistema de drenaxe ao novo trazado ou a renovación de sinalización

As obras sumaranse á 1ª fase de acondicionamento executada entre o parque empresarial de Santa Comba e Abuín, cun investimento autonómico de 3,2M€

A Xunta ten como obxectivo poder aprobar este proxecto definitivamente en outono

As persoas interesadas poderán presentar alegacións por un prazo de 30 días hábiles, a contar a partir deste vindeiro luns, 14 de abril

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de acondicionamento da estrada AC-406, ao paso polos concellos de Val do Dubra e da Baña, que suporá un investimento de preto de 4,4M€.

O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir deste vindeiro luns día 14 de abril.

Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da intervención. Para levar a cabo esta obra será necesaria a expropiación dun total de 107 predios.

A Xunta ten como obxectivo poder aprobar definitivamente o proxecto no outono, para a continuación acometer a redacción do proxecto construtivo.

As obras

A través desta obra, cuxo prazo de execución é de 1 ano, trátase de mellorar o trazado do tramo comprendido entre os puntos quilométricos 18+477 e 21+925 desta estrada autonómica co fin de reforzar a seguridade viaria, e de habilitar un carril adicional de máis de 1 quilómetro de lonxitude de adiantamento.

O proxecto tamén contempla a rehabilitación do firme, así como a realización de actuacións de adecuación do sistema de drenaxe existente ao novo trazado deseñado.

Tamén se renovarán  a sinalización o balizamento e as defensas e se acometerán as obras complementarias precisas.

1ª fase

Estas intervencións sumaranse á 1ª fase de acondicionamento executada nos anos 2018 e 2019 no treito que vai de Portomouro a Santa Comba, entre o parque empresarial de Santa Comba e Abuín.

Estas actuacións, cun investimento autonómico de máis de 3,2M€, centráronse na execución dun novo trazado alternativo para evitar o paso polo núcleo de Salgueiroas.

As obras acadaron o reforzo da seguridade viaria nesta contorna, dado que a traza anterior, encaixada entre edificacións neste núcleo, tiña varias curvas de radio moi reducido e interseccións con escasa visibilidade.

Data de actualización: 11/04/2025