A Xunta financia con máis de 70.000 euros o investimento en tecnoloxías forestais dunha empresa de Agolada

Estas axudas beneficiaron a oito empresas da área territorial de Pontevedra, por valor de máis de 900.000 euros

O delegado territorial destacou a importancia das empresas familiares que foxen do estancamento se seguen investindo para mellorar os seus servizos e ser máis competitivas

Agolada (Pontevedra), 14 de abril de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalación da empresa Maderas Torreira, no concello de Agolada, que foi unha das beneficiarias das axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais da Xunta.

En concreto, Maderas Torreira recibiu unha achega de máis de 70.000 euros que lle permitiu investir nun transportador de serraduras; nun elevador de baleiro para madeira serrada; nunha liña de transportadores; e nun tanque de recollida de tacos. Ademais, a empresa adquiriu unha serra de cinta monocorte.

Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a oito empresas na área territorial de Pontevedra, por valor de máis de 900.000 euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia das empresas familiares como Maderas Torreira que, “lonxe de estancarse, seguen investindo os seu tempo e recursos en mellorar os seus servizos e ser máis competitivas”.

Reguera lembrou que a Xunta seguirá apoiando este tipo de iniciativas “que modernizan o noso sector forestal e industrial, mentres xeran postos de traballo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/04/2025