Gómez Caamaño destaca o obxectivo da Xunta de crear unha rede de farmacias sentinela de saúde pública para previr enfermidades e anticipar as respostas

A Consellería de Sanidade traballa para ampliar a colaboración coas farmacias a novos ámbitos de vixilancia, como pode ser o impacto da aerobioloxía nas persoas alérxicas ou a presenza de mosquito tigre ou carrachas nas diferentes zonas de Galicia

O titular de Sanidade aposta tamén por aproveitar a proximidade das oficinas de farmacia para difundir os programas de promoción da saúde da Xunta

Este inverno púxose en marcha de forma pioneira unha rede de farmacias sentinela na que 70 establecementos colaboran facilitando o seguimento da evolución da gripe e doutras infección respiratorias agudas

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá no acto de recoñecemento das 70 farmacias que, de xeito pioneiro, se incorporaron á rede sentinela creada pola Xunta co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na nosa comunidade.

Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, os establecementos farmacéuticos que integran a Rede de Farmacias Sentinela de Galicia recibiron unhas placas distintivas coas que o departamento sanitario da Xunta recoñeceu o traballo realizado durante os últimos meses nó ámbito da vixilancia epidemiolóxica.

Un total de 30 farmacias da provincia da Coruña, 10 da provincia de Lugo, 10 da de Ourense e outras 20 da provincia de Pontevedra, no marco do Plan galego de inverno posto en marcha pola Xunta, remitiron semanalmente información puntual sobre a dispensación de test de antíxenos e os medicamentos antigripais máis consumidos, facilitando tanto o seguimento da evolución da gripe, como doutras infeccións respiratorias agudas.

Segundo avanzou Gómez Caamaño, a Consellería está a avaliar a posibilidade de ampliar tanto o número de oficinas que integran a Rede de farmacias sentinela como os ámbitos epidemiolóxicos e as patoloxías a monitorizar.

“Queremos crear unha verdadeira Rede de farmacias sentinela de Saúde Pública”, salientou o responsable sanitario, explicando que os establecementos farmacéuticos tamén poden contribuír a anticipar “o impacto da aerobioloxía nas persoas alérxicas” ou a “ presenza de mosquito tigre ou carrachas”.

Na mesma liña, destacou a capacidade e a proximidade das oficinas de farmacia á hora de difundir os programas de promoción da saúde que a Xunta ten en marcha, como pode ser o programa de prevención do tabaquismo, as diferentes campañas de vacinación ou os programas de cribado poboacionais que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Gómez Caamaño destacou que as oficinas de farmacias son aliadas estratéxicas que permiten anticipar o impacto da gripe e dotar a asistencia dos recursos necesarios e lembrou que esta colaboración entre Xunta e Colexios de Farmacéuticos permite que Galicia se sitúe, unha vez máis, á vangarda da Saúde Pública.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2025