A Xunta licita por máis de 230.000 euros o equipamento para dotar o Hospital de Calde dunha nova lavandería que dea servizo aos centros de atención primaria da área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos
O Servizo Galego de Saúde traslada a lavandería centralizada do centro de saúde da Milagrosa a unha nova instalación que se construirá no Hospital de Calde
Calcúlase lavar e hixienizar 1.000 kg diarios de prendas como mantas, sabas, toallas ou uniformidade de persoal
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 6 de maio para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
O Portal de Contratos Públicos de Galicia publica a licitación, por importe de 232.320 euros, do subministro de diverso equipamento de lavado, secado, pasado de ferro e encartado de roupa para a súa instalación e montaxe nas novas instalacións da lavandería situadas no Hospital de Calde.
No contexto da reforma e ampliación do centro de saúde da Milagrosa, o Servizo Galego de Saúde traslada a súa lavandería a unha nova localización, construíndo unha nova instalación no Hospital de Calde e dotándoa do equipamento necesario.
Esta nova lavandería seguirá a asumir toda a roupa do ámbito da atención primaria da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, ademais da roupa de pacientes e demais prendas do Hospital de Calde.
Estímase que o novo servizo terá unha produción diaria de 1.000 kg para o lavado e hixienización de prendas como mantas, sabas, fundas de colchón e almofada, toallas e uniformidade de persoal (batas, pixamas...), ademais da roupa de uso diario dos pacientes ingresados no Hospital de Calde, cunha marxe na capacidade de produción ante un posible aumento da demanda.
Esta nova lavandería garantirá tamén un sistema de inventariado para a planificación e tratamento de prendas a xestionar, o cal repercutirá nunha mellor xestión.
O contrato inclúe 4 lavadoras con distinta capacidade de carga, 2 secadoras, 1 pasadora de ferro, 1 prensa pneumática de pasado de uniformidade con mesa de repaso e 2 manequíns autónomos.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 6 de maio para presentar as súas ofertas.