Medio Rural impulsa desde Portugal un proxecto Interreg sobre prevención de incendios forestais
O director xeral de Defensa do Monte participou en Bragança no comité de seguimento da iniciativa Sudoe USE4FOREST, na que colaboran entidades de varias comunidades autónomas e dos países do suroeste europeo: España, Francia e Portugal
O obxectivo é abordar solucións comúns na prevención de incendios nestes territorios, poñendo o foco, tamén, sobre os habitantes das zonas afectadas polos lumes e apostando pola pedagoxía, a sensibilización e a concienciación da cidadanía
Bragança (Portugal), 23 de abril de 2025
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou hoxe na reunión de traballo do comité de seguimento do proxecto europeo Interreg Sudoe USE4FOREST, centrado na prevención de incendios forestais, que tivo lugar na localidade portuguesa de Bragança, nunha xornada na tamén se visitaron varias iniciativas piloto.
Neste proxecto participan entidades e administracións de varias comunidades autónomas e dos países do suroeste europeo: España, Francia e Portugal. O seu obxectivo é abordar solucións comúns na prevención de incendios forestais nestes territorios, poñendo o foco, tamén, sobre os habitantes das zonas afectadas polos lumes e apostando pola pedagoxía, a sensibilización e a concienciación da cidadanía ao respecto.
A iniciativa aglutina diversas entidades e administracións dos tres países citados, co fin de afondar nunha estratexia para a prevención de incendios no territorio Sudoe mediante a mellora dos espazos forestais. Estará vixente ata decembro de 2026 e conta cun investimento total de case tres millóns de euros.
Grazas a este proxecto poderase afondar en variables específicas que condicionan o comportamento dos lumes nesta zona e abrirase unha nova porta para testar solucións innovadoras do uso do espazo forestal, baixo o obxectivo de mellorar a súa resiliencia ante os incendios.
Entidades participantes
Con respecto ás entidades españolas que participan no proxecto, aparte da Consellería do Medio Rural, están a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo; a Deputación de Ourense; a Junta de Castilla y León; a Hazi Fundazioa; o Euskalmet e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.
Colaboran tamén o Ministério da Administraçaõ Interna Autoridade Nacional de Emergência e Proteção Civil; Comunidade Intermunicipal das Terras de Trás-os-Montes; o Instituto Politécnico de Bragança Centro de Investigação de Montanha de Portugal, así como o Centre Régional de la Propriété Forestière Nouvelle-Aquitaine; o Département de l'Aude DGA Solidarités territoriales Mission Europe; o Syndicat Mixte du Pays Sud Charente e o Syndicat Mixte d'amenagement et de gestion du PNR Corbières- Fenouillèdes de Francia.