O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, interveu no acto de inauguración das II Xornadas de Enfermería: 'Transformando os coidados contigo'

Gómez Caamaño salienta a vocación de servizo social dos profesionais de enfermería da Coruña e Cee, declarada área sanitaria comprometida coa excelencia en coidados

Remarca que esta acreditación é un logro difícil de conseguir e moi meritorio, ao que contribuíron máis de 1.680 profesionais, cun total de 78 servizos e unidades implicados

A área sanitaria conta agora con catro guías acreditadas centradas en aspectos clave como o acceso vascular, a prevención de caídas, a diminución de complicacións do pé nos diabéticos e o apoio a persoas que viven cunha ostomía

Subliña o compromiso do Servizo Galego de Saúde coa humanización e pola realización de convocatorias amplas e procesos de estabilización na categoría de enfermería, creando novas prazas e apostando firmemente pola especialización

A Coruña, 24 de abril de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe a vocación de servizo social dos profesionais de enfermería da Área Sanitaria da Coruña e Cee, que vén de ser declarada área comprometida coa excelencia en coidados  (BPSOR). Trátase dunha certificación outorgada pola Asociación Profesional de Enfermeiras de Ontario, coordinada en España a través do Instituto Carlos III, conforme ás pautas de excelencia establecidas pola entidade líder mundial en prácticas de enfermería.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado do xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, interveu no acto de inauguración das II Xornadas de Enfermería: Transformando os coidados contigo.

Neste foro, o conselleiro remarcou que conseguir esta acreditación é un logro difícil de conseguir e moi meritorio, ao que contribuíron máis de 1.680 profesionais que representan máis do 40 % de todo o persoal de enfermería da área sanitaria, cun total de 78 servizos e unidades implicados.

Grazas ao esforzo destes profesionais, a área conta agora con catro guías acreditadas centradas en aspectos clave como o acceso vascular, a prevención de caídas e de lesións derivadas, a diminución de complicacións do pé en persoas con diabetes, e o apoio a persoas que esperan ou viven cunha ostomía.

Cada unha destas guías -incidiu o conselleiro- representa un paso adiante na calidade dos coidados e unha atención máis segura e próxima, baseada na evidencia.

Camiño de excelencia e elemento vertebrador

Na súa intervención no acto, o conselleiro amosouse orgullo polo logro acadado pola área sanitaria, que supón que a sanidade pública galega é mellor e máis avanza da man dos profesionais que apostan polo camiño da excelencia e debe ser exemplo e inspiración para todos.

Tal e como manifestou o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde, estes profesionais recoñecidos con esta distinción son unha referencia para un sistema sanitario como o galego que aposta firmemente pola humanización da atención sanitaria.

Gómez Caamaño referiu que o persoal de enfermería consolídase como elemento vertebrador dun sistema que aspira a tocar teitos cada vez máis altos de calidade. Ao respecto, o deber da Consellería de Sanidade é corresponder á implicación dos profesionais aumentando os recursos, reforzando os equipos e consolidando prazas estables para aportar seguridade e recoñecemento ao persoal sanitario.

O titular da carteira sanitaria puxo en valor o compromiso do seu departamento con convocatorias amplas e procesos de estabilización, creando novas prazas e apostando firmemente pola especialización. No pasado ano ofertáronse 152 prazas na especialidade de enfermería familiar e comunitaria, 50 en enfermería pediátrica e 14 de  obstetricia e xinecoloxía.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro reiterou o seu recoñecemento polo fito acadado pola enfermería desta área sanitaria e polo interese destas II Xornadas que se celebran na cidade herculina, nas que se compartirán novas experiencias e reflexións coa mesma ambición e as mesmas ganas de progresar que cando se iniciou en 2018 esta distinción agora conseguida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2025