A Xunta licita por máis de 187.000 euros o subministro de equipamento para investigacións do Servizo de Anestesia e Reanimación da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza

O obxecto do contrato é o subministro dun ecógrafo de alta precisión e dun ecocardiógrafo portátil, ademais dun monitor hemodinámico compatible con resonancia magnética

O Servizo de Anestesia e Reanimación desta área sanitaria é referente na realización de estudos e ensaios clínicos, con 45 estudos activos na actualidade, xestionados pola Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela

A adquisición deste equipamento ofrece unha oportunidade estratéxica para a realización de estudos e ensaios clínicos nun centro de referencia como é o Hospital Clínico Universitario

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 9 de maio para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025

O Portal de Contratos de Galicia publica, por medio da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a licitación, por importe de 187.550 euros, do subministro de diverso equipamento para investigacións sanitarias do servizo de anestesia e reanimación da Área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 9 de maio para presentar as súas ofertas.

O Servizo de Anestesia e Reanimación desta área sanitaria é referente na realización de estudos e ensaios clínicos, con 45 estudos activos na  actualidade, dos que a súa xestión corresponde á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS).

A adquisición deste equipamento ofrece unha oportunidade estratéxica para a realización de estudos e ensaios clínicos nun centro de referencia como é o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e permitirá a obtención de datos estandarizados e de alta calidade, fundamentais para investigacións biomédicas avanzadas, garantindo ao mesmo tempo a seguridade e benestar dos pacientes.

A incorporación desta equipación posibilitará desenvolver investigacións pioneiras, publicacións científicas e a formación de profesionais, o que contribúe a posicionar ao hospital como un referente en innovación tecnolóxica e clínica.

Equipamento clave

O obxecto do contrato é o subministro dun ecógrafo de alta precisión e dun ecocardiógrafo portátil, ademais dun monitor hemodinámico compatible con resonancia magnética para consolidar programas de estudos e ensaios clínicos no servizo de reanimación desta área sanitaria.

Este equipamento que se licita conta con capacidade para xerar datos estandarizados e reproducibles que son clave en investigacións multicéntricas e protocolos de avaliación de novas terapias e dispositivos médicos.

No caso dos ecógrafos de alta gama, permiten a obtención de imaxes de calidade superior, fundamentais para ensaios clínicos e estudos poboacionais. Respecto da monitorización hemodinámica, durante os estudos de resonancia magnética é fundamental para garantir a seguridade do paciente, particularmente en ensaios clínicos que impliquen procedementos prolongados ou con sedación.

Ademais, a capacidade destes equipamentos para rexistrar parámetros en tempo real proporciona datos cruciais en investigacións fisiolóxicas e farmacolóxicas.

Entre os beneficios para estudos clínicos está a obtención de imaxes tridimensionais para estruturas anatómicas, o rexistro automatizado de parámetros en áreas como cardioloxía, vascular ou medicina fetal, así como a integración con sistemas hospitalarios e bases de datos de ensaios clínicos.

Data de actualización: 25/04/2025