A Xunta adxudica por 1 M€ a dotación de dúas salas de litotricia extracorpórea para os hospitais da Coruña e de Santiago de Compostela

As novas salas permitirán localizar cálculos, ademais da realización de exploracións anatómicas abdominais, urolóxicas e vasculares

A litotricia extracorpórea, que desintegra os cálculos con ondas de choque, representa un 75 % das indicacións por litiase urinaria

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2025

A Xunta de Galicia vén de adxudicar por un importe de 1.086.580 euros a dotación de dúas salas de litotricia extracorpórea por ondas de choque,  dedicadas a tratar cálculos en vías urinarias.

O equipamento adquirido terá como destino os servizos de uroloxía das áreas sanitarias da Coruña e de Cee, e de Santiago de Compostela e Barbanza.

As novas salas incluirán un sistema de localización de cálculos e programas de aplicacións para a exploración anatómica abdominal, de uroloxía (vexiga, ril, testículo e próstata) e vascular (estenose -estreitamento anómalo-, índice de resistencia e índice de pulsatilidade).

A empresa que resultou adxudicataria deste contrato é Dornier Medtech España, S.L.

A litotricia extracorpórea para desintegrar cálculos por ondas de choque representa un 75 % das indicacións por litiase urinaria. O 30 % restante require cirurxía.

A unidade de litotricia da área da Coruña e Cee é referencia para as áreas sanitarias de Ferrol e de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. Pola súa banda, os pacientes das áreas de Pontevedra e O Salnés e de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras teñen como referencia a unidade de Santiago de Compostela e Barbanza. No caso da área de Vigo, o servizo está incluído no acordo de prestacións realizadas polo hospital Povisa.

Data de actualización: 29/04/2025