A Xunta confirma a desactivación da fase de emerxencia

O Goberno galego aclara que o Platerga pasa de estar no nivel 2 de emerxencia a fase de alerta para vixilancia e seguimento

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025

A Xunta vén de anunciar a desactivación da fase de emerxencia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga), que se mantiña no nivel 2, ao quedar restablecidos os subministros de enerxía eléctrica e as comunicacións en toda Galicia tras o apagamento eléctrico do pasado luns en toda España. Da fase de emerxencia pasase á fase de alerta a efectos de vixilancia e seguimento. Así se acordou esta mañá na última reunión do Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi), presidido polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

A fase de alerta ten como obxectivo manter a  atención e seguemento, así como a diminución dos tempos de resposta para que a actuación dos medios de resposta sexa máis rápida no caso de ser necesario.

Nas últimas horas o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia non rexistrou incidencias relacionadas co apagamento. Durante o episodio atendéronse preto de 3.000 chamadas e máis de 900 incidencias, principalmente por persoas atrapadas en ascensores.

Data de actualización: 30/04/2025