A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal de Samos para dotar o concello dun instrumento eficaz de ordenación do territorio

A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe á alcaldesa do municipio lucense, María Jesús López

O Plan básico municipal de Samos, aprobado inicialmente por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, permitirá ao Concello ofrecer capacidade de acollida residencial e económica

Tras o paso dado hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos para a súa aprobación definitiva

O Plan Básico Municipal de Samos é o décimo oitavo, dos 24 plans tramitados pola Xunta, en superar este trámite

Samos (Lugo), 30 de abril de 2025

A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal (PMB) de Samos para dotar o municipio lucense dun instrumento eficaz de ordenación do territorio.

A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe á alcaldesa de Samos, María Jesús López, da aprobación inicial deste Plan por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.

No que se refire á tramitación, tras a aprobación inicial de hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.

Na Consellería e no Concello se traballa nun cronograma de máxima coordinación e axilización que permita acadar a aprobación definitiva do PBM no próximo ano 2026.

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.210 habitantes, clasifica un ámbito de solo urbano consolidado.

En canto a núcleos rurais, delimita 77 nun total de 24 parroquias, dos que 76 son tradicionais (18 deles de tipo polinuclear) e un combina partes tradicionais e comúns (polinuclear).

Dentro destes 77 núcleos atópase o núcleo 1805-NRP Vigo do Real que resulta de declarar subsistente a delimitación física e a parcela mínima da Delimitación de solo de núcleo rural de Vigo do Real, na parroquia de Santiago de Renche, que conta con aprobación definitiva.

O documento recolle tamén todas as categorías de solo rústico resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre Samos, tendo en conta as afeccións sectoriais delimitadas no PBA, e as consideracións establecidas nos informes e consultas sectoriais recibidos. Así, categoriza terreos rústicos de especial protección agropecuaria, forestal, de augas, de infraestruturas, de espazos naturais, paisaxística e patrimonial.

Ademais o Plan cataloga ata 383 elementos que se corresponden con Bens de Interese Cultural (8) ou Bens Catalogados a nivel arqueolóxico (86), arquitectónico (159), etnolóxico (128) e artístico (2).

Plan Básico Municipal

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes, como o caso de Samos, que non contan con planeamentos xerais.

O obxectivo da Xunta é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.

Na actualidade, Samos é o 18º concello galego en obter a aprobación inicial do seu PBM. De xeito máis detallado, dos 24 Plans Básicos Municipais previstos, hai 4 aprobados definitivamente; 14 con aprobación inicial; 3 pendentes de aprobación inicial; e 3 para os que se está redactando o seu borrador.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2025