A Xunta insta ao Goberno central a ampliar o prazo de presentación de solicitudes das axudas da PAC
A Xunta, xunto a maioría das comunidades autónomas, reclama ao Fondo Español de Garantía Agraria, adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que se dea máis tempo de tramitación, como xa se solicitara anteriormente
Neste ano agárdanse preto de 24.000 solicitudes únicas de axudas da PAC por parte dos agricultores e agricultoras galegas e a dotación das axudas para esta campaña será de case 224 millóns de euros, en total
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025
Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) este pasado luns da Orde da Consellería do Medio Rural pola que se ampliou o prazo de solicitude das axudas da PAC ata o vindeiro día 15 de maio, a Consellería do Medio Rural volveu instar hoxe ao Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a que permita a presentación de solicitudes ata o 31 de maio. Este prazo coincidiría co remate do período de modificación de solicitudes, mediante a supresión da penalización do 1% por cada día hábil en que se supere a data de finalización do prazo de presentación.
O Real Decreto 1048/2022, establece a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan ampliar o prazo de presentación da solicitude única da PAC como moi tarde ata 15 de maio, e así o fixo Galicia. Así mesmo, faculta ao FEGA a acordar a supresión da redución do importe das axudas por cada día hábil en que se supere a data do prazo para presentar as solicitudes únicas da PAC.
Neste sentido, o pasado 10 de abril, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) xa comunicara a intención de Galicia de estender o prazo ata o 15 de maio e naquel momento xa instaba ao FEGA a retirar a penalización por presentación tardía, ata o 31 de maio. Na reunión celebrada hoxe co FEGA, Galicia reiterou a súa demanda de quitar dita penalización, de maneira que os solicitantes da PAC teñan ata o último día de maio para presentar as súas solicitudes. Trátase dunha petición xeral por parte da maioría das comunidades autónomas.
A Orde de axudas da PAC en Galicia publicouse o pasado 5 de marzo no DOG. A partir do día seguinte, as entidades tramitadoras de solicitudes comezaron a rexistrar as case 24.000 solicitudes únicas de axudas da PAC que se esperan este ano dos agricultores e agricultoras galegas. A dotación das axudas para esta campaña será de preto de 224 millóns de euros, en total.
Como queira que o proceso de tramitación da PAC vólvese cada vez máis complexo, xunto coas complicacións climáticas que causan que os produtores non teñan a certeza de se poderán implantar un cultivo de primavera e máis diversas incidencias na aplicación informática de captura; así como as consecuencias derivadas do apagamento enerxético deste luns; deriva nun certo retraso na gravación destas solicitudes en toda España.