Medio rural salienta o avance na transformación do leite en Galicia grazas á colaboración público-privada
A conselleira María José Gómez puxo en valor a aposta pola transformación do produto na nosa comunidade que realizan empresas como Dairylac, que hoxe visitou na localidade coruñesa de Melide
Neste acto, enmarcado no Comité de seguimento rexional do Plan Estratéxico da Pac (Pepac), a conselleira subliñou que xa se chegou ao 70% do leite transformado en Galicia, preto do obxectivo do 75% marcado na estratexia sectorial da Xunta e o sector
Ademais, destacou a aposta do Goberno galego por liñas de axudas como as destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, ás cales se destinaron máis de 330 millóns de euros desde 2009
Melide (A Coruña), 7 de maio de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, visitou hoxe a planta de Dairylac en Melide, no marco do Comité de seguimento rexional do Plan Estratéxico da PAC (Pepac).
Nesta visita, a conselleira salientou a aposta pola transformación do leite en Galicia que realiza esta empresa e que vai na liña que sostén a Consellería, co obxectivo de aproveitar a materia prima e xerar valor engadido ao produto final obtido. Engadiu que, grazas a este esforzo conxunto das industrias e a administración, continúase avanzando para acadar que o 75% do leite producido na nosa comunidade sexa transformado en Galicia, unha meta recollida na Estratexia de dinamización do sector lácteo, situándonos actualmente xa no 70%.
Nesta liña, Gómez puxo en valor o apoio da Xunta ao sector a través de liñas de axudas como as destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, das que Dairylac foi beneficiaria desde 2016 con achegas totais de preto de 6,6 millóns de euros, segundo subliñou a conselleira. Salientou ademais a relevancia destas achegas, xa que supuxeron un investimento de máis de 330 millóns de euros por parte da Consellería desde o ano 2009, con 1.960 proxectos beneficiados desta medida.
Sector con futuro
No mesmo sentido, a titular de Medio Rural definiu o lácteo como un sector con futuro, grazas á “clara e decidida aposta de industrias como Dairylac por transformar leite en Galicia e pola profesionalidade dos nosos gandeiros e gandeiras”, remarcou. E lembrou que este eido produtivo é un dos piares da economía da nosa comunidade, xa que Galicia produce o 42% do leite de España e atópase entre as primeira rexións europeas produtoras.
Sobre a actividade de Dairylac, a conselleira destacou que nesta planta de Melide obtén, principalmente, nata, leite tratado termicamente, leite e soro en po, manteiga e outras graxas lácteas, así como queixo crema. Neste marco, puxo de relevo tamén a importancia do cooperativismo, xa que o leite transformado por esta empresa procede maioritariamente das explotacións dos socios da cooperativa AIRA, mentres que o soro se obtén de queixerías da nosa comunidade.
En total, resumiu Gómez, as producións anuais desta compañía sitúanse en torno aos 42 millóns de litros de leite e os 30 millóns de soro, o que amosa o potencial de Dairylac dentro do sector lácteo galego.