A Xunta pon en valor o traballo do centro ocupacional de Amipa, que conta con 24 prazas para persoas con discapacidade

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, mantivo unha reunión coa entidade na que trataron a posibilidade de poñer en marcha novos proxectos

Rois (A Coruña), 8 de maio de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá o centro ocupacional que a asociación Amipa ten en Rois e que conta con 24 prazas financiadas integramente pola Xunta.  Na visita, tratouse a posibilidade de poñer en marcha novos proxectos en colaboración coa entidade.

A directora xeral, que estivo acompañada polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, felicitou aos membros desta entidade polo seu traballo diario en favor das persoas con discapacidade. Neste sentido, lembrou que na actualidade a Xunta financia as 24 prazas do centro para o que se destina un orzamento de máis de 281.000 euros anuais.

Este centro ofrece un importante servizo de atención ás persoas con discapacidade ademais de permitirlle manter un ritmo de vida activo. Nas instalacións, os usuarios participan en obradoiros de artesanía, horta ecolóxica, deporte e ocio, formación profesional e actividades de formación para a vida.

Ademais, lembrou que a Xunta mantén unha estreita colaboración con todo o tecido social galego ao entender que son as entidades sociais as que mellor coñecen as necesidades e prioridades do sector. Neste sentido, animou a Amipa a seguir traballando día a día polos dereitos das persoas con discapacidade e, lembroulles, que o Goberno galego sempre estará ao seu carón para apoialos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2025