A Xunta defenderá ante a xustiza a propiedade do inmoble da rúa Lalín para poñelo á disposición da veciñanza viguesa

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou as instalacións ás que se trasladarán a finais deste mes o Rexistro Civil e a sala de vodas

Lamenta o bloqueo do Concello de Vigo a un investimento de 20 millóns de euros para a creación dun centro de asociacionismo, o que obrigou a resolver o contrato

Diego Calvo incidiu en que o Goberno galego mantén o compromiso para seguir investindo en Vigo

Vigo, 9 de maio de 2025

A Xunta emprenderá as accións necesarias para a defensa da propiedade do inmoble dos antigos xulgados na rúa Lalín co obxectivo de poñelo á disposición da veciñanza viguesa. Así o confirmou hoxe o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no marco dunha visita ás novas instalacións ás que se trasladarán o Rexistro Civil e a sala de vodas a finais deste mes. Cómpre lembrar que o edificio da rúa Lalín foi transferido polo Estado ao Goberno galego en propiedade e, xunto coa parcela, consta como tal no inventario de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma.

A Xunta lamenta os obstáculos por parte do Concello de Vigo á conversión do edificio dos antigos xulgados nun centro de asociacionismo tal e como prevía facer a Xunta, suspendendo a licenza para as obras que concedera meses antes. “Esta situación obrigounos a resolver o contrato, dado que as obras tiñan comprometidos fondos europeos e propios que non podían permanecer inmobilizados”, apuntou Diego Calvo, quen tamén reafirmou o compromiso da Xunta para seguir investindo en Vigo.

As actuacións previstas supuñan un investimento de 20 millóns de euros para darlle cabida a máis dun cento de asociacións, polo que, os veciños e veciñas de Vigo son os realmente afectados polo bloqueo desta iniciativa. Ademais, o Concello de Vigo finalmente desestimou as alegacións e, segundo indicou o conselleiro, iniciou un proceso para cambiar a titularidade da parcela no Catastro, pero este resolveu non alterar a inscrición a favor da Xunta.

Traslado do Rexistro Civil e da sala de vodas

O conselleiro fixo estas declaracións con motivo da visita ás que serán desde finais deste mes as novas sedes do Rexistro Civil en Vigo e da sala de vodas, situadas ata o de agora no edificio da rúa Lalín, e na que estivo acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a delegada territorial de Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

Segundo informou Diego Calvo, a Xunta investiu case 240.000 euros na transformación e reorganización dos espazos do Rexistro Civil na rúa San Sebastián e na habilitación do local da sala de vodas, situado nun anexo na rúa Abeleira Menéndez. Concretamente, no Rexistro Civil redistribuíronse espazos das plantas baixa e primeira, e renováronse os sistemas de climatización, ventilación e iluminación. A maiores, no soto habilitáronse dependencias para despachos e instalouse mobiliario para 17 postos de funcionarios, ademais de colocar estantes rodantes para documentación.

Data de actualización: 09/05/2025