A Xunta e o Concello de Ordes avanzan na colaboración para dinamizar a praza de abastos deste municipio
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse esta semana co alcalde de Ordes, José Luis Martínez, para abordar propostas de dinamización da praza de abastos deste municipio, beneficiario das axudas autonómicas deste ano dirixidas a potenciar estes espazos como Mercados Excelentes.
En concreto, a axuda a este concello está orientada á elaboración da diagnose de situación e usos do mercado e Ordes é un dos 13 municipios da provincia da Coruña e dos 31 de toda Galicia que obtiveron estes apoios enmarcados na aposta da Xunta para impulsar estas infraestruturas como escaparate do produto galego de calidade e consolidar unha rede ao abeiro do selo de Mercados Excelentes. Precisamente o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, lanzado recentemente, inclúe accións dirixidas a estes fins.