A Agasp acolle por primeira vez as probas físicas do proceso selectivo de auxiliares de policía local

O director xeral de Emerxencias e Interior visitou os participantes que superaron os primeiros exercicios e que, tras estas probas, deberán superar un curso de formación na Academia para poder ser contratados nos seus concellos de destino

As persoas aspirantes optan a 95 prazas en 31 municipios

A Estrada (Pontevedra), 12 de maio de 2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe os aspirantes que continúan no proceso selectivo para cubrir 95 prazas auxiliares de Policía Local en 31 concellos galegos e que hoxe realizan as probas de aptitude física na Academia Galega de Seguridade Pública. Esta parte da oposición, que ata agora se levaba a cabo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD), celébrase por primeira vez nas instalacións da Agasp, que conta cun novo módulo cuberto multideporte.

A estas probas preséntanse os aspirantes que superaron o test de coñecementos e tamén a proba de coñecementos do idioma galego, no caso das persoas que non estaban exentas.

Santiago Villanueva animou os aspirantes durante as probas físicas de hoxe, nas que teñen que demostrar as súas capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade para as funcións que teñen que desempeñar. En concreto, nun exercicio de potencia de tren inferior con salto vertical e outro de resistencia xeral con carreira de 1.000 metros lisos.

Unha vez finalizado o proceso selectivo, os aspirantes aptos en todos os exercicios terán que realizar un curso de formación teórico-práctico na Agasp para poder ser contratados como auxiliares nos seus destinos. Tamén será obrigatoria esta formación para as persoas aprobadas e incluídas na lista de reserva.

O Diario Oficial de Galicia publicará precisamente esta semana a convocatoria de cinco edicións deste curso básico de auxiliares de Policía Local que se celebrarán na Agasp entre o 26 de maio e o 12 de xuño con 60 prazas cada un deles. O curso terá unha duración de 24 horas lectivas en modalidade presencial e ten como obxectivo dotar as persoas auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que as capacite para o posterior desempeño da súa función como auxiliares temporais dos corpos de policía local.

A formación vai destinada tanto ao persoal que forma parte deste proceso selectivo unitario, así como ao seleccionado polos concellos para prestar este servizo de forma temporal e ao integrante da lista de contratación creada no marco de procesos selectivos anteriores.

Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local coa selección neste período de máis dun milleiro de policías galegos mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, 98 deles encomendan á Academia a selección dos seus axentes, o que supón o 73%.

Ademais de formar as promocións de policía local e auxiliares e das categorías de mando, a Agasp é o centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias, cun amplo plan de formación continua anual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2025