A Xunta expedientará a empresa responsable de prestar o servizo no autobús escolar que foi inmobilizado en Pontevedra por circular sen ITV e con extintores caducados

Ambas as infraccións considéranse penalidades moi graves polas que cabe impoñer contías de entre 5.000 e 10.000 euros

A maiores non contar coa documentación acreditativa da autorización de transportes e do seguro obrigatorio a bordo do vehículo supón infraccións de ata 201 euros

O Goberno galego lembra que cando, no marco do exhaustivo control que se realiza no transporte, se detectan desaxustes ou incumprimentos se actúa para garantir as condicións dos contratos e a correcta prestación dos servizos

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025

A Xunta abriralle expedientes sancionadores á empresa responsable de prestar o servizo no autobús de transporte de uso especial escolar inmobilizado o pasado venres en Pontevedra pola Policía Local, tras comprobar que circulaba coa Inspección Técnica de Vehículos negativa, o que o inhabilitaba expresamente para circular polas vías públicas, e con extintores caducados. O Goberno galego está a tramitar o correspondente expediente polos incumprimentos contractuais previstos no prego que rexe a contratación.

Así, segundo o Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, tanto pola circulación coa ITV negativa como polo uso de extintores caducados cabe impoñer penalidades moi graves que poden supoñer contías de entre 5.000 e 10.000€ por ambas as infraccións. No primeiro caso, en relación coa cláusula referida ao estado xeral de conservación e mantemento dos medios e do material valorado nas inspeccións técnicas como moi defectuoso e, no segundo, por exercer a actividade sen cumprir as condicións regulamentarias e, en especial, a falta de elementos de seguridade, hixiene e salubridade necesarios para a prestación.

A Xunta verificou que o servizo que realizaba o autobús inmobilizado, da ruta CEIP de Vilaverde-Mourente, contaba coa autorización en vigor para prestar o servizo de transporte escolar, outorgada antes da ITV negativa, así como o seguro obrigatorio. Con todo, supón infraccións de ata 201 euros non contar coa documentación acreditativa da autorización de transportes nin co seguro obrigatorio a bordo do vehículo.

Nesta liña, o Goberno galego subliña a importancia esencial de asegurar o máximo rigor no cumprimento das condicións de seguridade na prestación dos servizos de transporte de escolares, polo que remarca a colaboración entre as administracións autonómica e local nas competencias de control e inspección.

Lembra tamén que cando se detectan desaxustes ou incumprimentos nos servizos, froito do control sistemático e exhaustivo que se realiza no sector do transporte, se actúa coa apertura de expedientes ás empresas para garantir as condicións dos contratos e a correcta prestación dos servizos.

A Xunta destaca ademais o seguimento do servizo con inspeccións realizadas desde o Goberno galego que, no caso do transporte escolar, se complementan coas campañas de control nas que colabora a Garda Civil de Tráfico. Nestes controis polo que, ademais do cumprimento de cuestións contractuais e o que respecta a vehículos e persoal, tamén se revisan cuestións de seguridade. A maiores, cómpre sinalar que o propio Plan de Transporte Público conta con mecanismos reguladores e de control.

Data de actualización: 13/05/2025