A Xunta e o Cluster de Turismo de Galicia alíñanse na concreción e promoción do produto Galicia Destino Sostible

O director de Turismo de Galicia participou en Cambados nunha xornada resume da iniciativa deseñada no marco dun convenio de colaboración asinado en 2022 

Cambados (Pontevedra), 14 de maio de 2025

‘O valor de avanzar en común’ foi o título elixido para o encontro do club de produto Galicia Destino Sostible creado no marco do convenio de colaboración asinado entre Turismo de Galicia e o Cluster de Turismo en 2022. Este acordo permitiu a creación e consolidación desta proposta turística en materia de sostibilidade. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na xuntanza do sector onde salientou a vontade de ambas partes para aliñar esforzos e apostar pola sostibilidade como eixe da oferta turística galega.

Xosé Merelles puxo en valor que no marco deste acordo e como desenvolvemento do produto Galicia Destino Sostible, sexan máis de 140 as empresas que ofrecen 160 experiencias turísticas sostibles e agradeceu moi especialmente o traballo realizado polo Cluster de Turismo.

Deste xeito, “Galicia preséntase ante o visitante como un destino de calidade, sostible” cun valor coma o Camiño de Santiago, ao que se referiu como “un dos nosos recursos que entroncan coa sostibilidade en canto que conxuga hospitalidade, natureza, convivencia e respecto polo medio, paisaxe e tantos outros atributos valorados polos peregrinos”.

Turismo de Galicia e o Cluster de Turismo asinaron en 2022 un convenio de colaboración para a creación e consolidación dun produto turístico sostible, no que a Xunta investiu máis de 1M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2025