A Xunta colabora co III Encontro da Cultura do Viño ‘Raizames’ de Taboada, que se celebra do 23 ao 25 de maio

Lugo, 16 de maio de 2025

A Xunta apoia a terceira edición de Raizames, Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, que se celebra en Taboada durante a fin de semana do 23 ao 25 de maio. Está organizado pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio (Acimta).

Os promotores presentaron hoxe o programa nun acto no que participaron os directores territoriais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Vázquez Nodal, e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández, que destacaron a colaboración do Goberno galego dende que se puxo en marcha a iniciativa. 

Durante tres días desenvolveranse distintas actividades de dinamización, como catas e degustacións; a proxección do documental Taboada, de Ribeira a Ribeira; unha ruta cultural que fusiona arte e viño; ou un encontro de mulleres profesionais do sector. Tamén se realizará a queima dunha facha organizada pola asociación As Fachas de Castelo e haberá varios concertos, entre eles os dos grupos Mediarea ou Andhrea and The Black Cats.

Data de actualización: 16/05/2025