A Xunta somete a información pública a aprobación inicial do Plan Básico Municipal de Samos para dotar o concello dun instrumento eficaz de ordenación do territorio

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do inicio deste tramite durante dous meses, a contar desde mañá

Trátase dun  instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio lucense ofrecer capacidade de acollida residencial e económica

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas somete a información pública a aprobación inicial do Plan Básico Municipal de Samos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe publica o anuncio deste tramite para dotar o concello deste instrumento eficaz de ordenación do territorio.

Trátase dun  instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio lucense ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.

No que se refire á tramitación, tras a resolución de aprobación inicial o pasado día 30 de abril, o documento sométese a información pública durante dous meses, a contar a partir de hoxe, e solicitaranse todos os informes sectoriais autonómicos e estatais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.210 habitantes, clasifica un ámbito de solo urbano consolidado correspondente á capitalidade municipal.

En canto a núcleos rurais, delimita 77 nun total de 24 parroquias, dos que 76 son tradicionais (18 deles de tipo polinuclear) e un combina partes tradicionais e comúns (polinuclear).

Dentro destes 77 núcleos atópase o núcleo 1805-NRP Vigo do Real que resulta de declarar subsistente a delimitación de solo de núcleo rural de Vigo do Real, na parroquia de Santiago de Renche, que conta con aprobación definitiva de setembro de 2015.

O documento recolle tamén todas as categorías de solo rústico resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre Samos, tendo en conta as afeccións sectoriais delimitadas no PBA, e as consideracións establecidas nos informes e consultas sectoriais recibidos. Así, categoriza terreos rústicos de especial protección agropecuaria, forestal, de augas, de infraestruturas, de espazos naturais, paisaxística e patrimonial.

Ademais o Plan cataloga ata 383 elementos que se corresponden con Bens de Interese Cultural (8) ou Bens Catalogados a nivel arqueolóxico (86), arquitectónico (159), etnolóxico (128) e artístico (2).

Plan Básico Municipal

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes, como o caso de Samos, que non contan con planeamentos xerais.

O obxectivo da Xunta é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.

Data de actualización: 16/05/2025