A Xunta activa a alerta laranxa para mañá por chuvia e treboadas no centro e sur da provincia de Lugo
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
Suspéndese a actividade deportiva federada no exterior nos concellos afectados polo fenómeno meteorolóxico adverso
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2025
A Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por chuvias e treboadas no centro e sur da provincia de Lugo. No resto da provincia luguesa, no noroeste e no interior da Coruña, así como no Miño, Sur, Montaña e Valdeorras de Ourense actívase a alerta amarela por estes mesmos fenómenos.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa activarase a partir do mediodía por precipitación acumulada nunha hora que poderá superar os 30 mm. Nas áreas con alerta amarela agárdase unha precipitación acumulada nunha hora que pode superar os 15 mm. En ambos os casos haberá tamén treboadas que poden estar acompañadas de sarabia.
Pola súa banda, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior nos concellos do centro e do sur de Lugo desde as 15,00 horas ata a medianoite.
Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.