A Xunta pide ao Goberno central responsabilidade e busca de consenso para reformar o sistema de financiamento autonómico
O conselleiro de Facenda e Administración Pública urxe a darlle prioridade á reforma dun modelo superado
Miguel Corgos participou na inauguración das XII xornadas RIFDE sobre Finanzas Autonómicas e na mesa redonda titulada Veremos en 2025 unha reforma do sistema de financiamento autonómico?
Advertiu do risco de centrar o debate nunha posible condonación da débeda, que podería deixar aparcado “sine die” a reforma do modelo de financiamento
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
A Xunta pide ao Goberno central responsabilidade e busca de consenso para reformar o Sistema de Financiamento Autonómico. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, insistiu na necesidade de darlle prioridade á reforma dun modelo que “está superado e é insuficiente”. Para Corgos, “o Goberno central ten que presentar un novo modelo, en lugar de seguir sostendo discusións infinitas sobre elementos concretos do financiamento autonómico, buscando a división de territorios, cando en realidade todas as CC.AA., sen excepción, estamos infrafinanciadas”.
Miguel Corgos reivindicou un modelo negociado de xeito multilateral, no que cada comunidade expoña as súas necesidades e estea disposta a facer cesións para chegar a un pacto que permita un financiamento “estable e suficiente para todas”.
Durante a súa participación na inauguración das XII Xornadas da Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira (RIFDE) e na mesa redonda Veremos en 2025 unha reforma do sistema de financiamento autonómico?, o responsable da Facenda galega recordou que Galicia non está sola nesta postura, senón que 14 gobernos autonómicos urxen a que o Goberno de España propoña unha reforma que permita mellorar o seu financiamento. Unha proposta que, insistiu, non ten que saír das Comunidades, senón do Goberno central para logo ser debatida e acordada polo conxunto das comunidades.
Miguel Corgos explicou que esta tarefa se pode facer a través do análise de que ingresos da Facenda pública estatal deben financiar os sistemas públicos autonómicos e como repartilos para garantir un financiamento equitativo dos servizos que deben prestar as CC.AA.
Ante o lanzamento dunha consulta previa sobre a proposta do Goberno central da asunción da débeda das comunidades, Corgos lembrou que para Galicia o volume de débeda non é un problema, debido ás políticas de responsabilidade fiscal desenvolvidas nos últimos 15 anos. Advertiu, ademais, de que se se logra aprobar a mutualización da débeda, os problemas autonómicos pendentes pasarán a segundo plano “sine die”, o que prexudicará a todas as CC. AA.
O custo da prestación en cada territorio
O conselleiro de Facenda e Administración Pública insistiu en que o obxectivo común ten que ser o de contar cun mapa de servizos e cuantificar de xeito adecuado o custo da prestación de cada territorio.
O modelo de financiamento actual, continuou explicando Corgos, non achega os recursos prometidos no 2009, cando se aprobou. Unha parte do éxito do futuro modelo apóiase “sobre a correcta estimación da variable de poboación axustada”, sobre a que se vai reflexionar nestas xornadas.
Para Miguel Corgos non hai dúbida de que esta variable ten que recoller os custes reais da prestación dos servizos públicos, tendo en conta factores que inflúen nesta estimación, como a dispersión ou o envellecemento da poboación. Neste sentido, recordou que Galicia ten un 26,6% de persoas de máis 65 anos (fronte ao 20,4% de España) o que xunto á elevada dispersión na nosa comunidade a un déficit de recursos de 500 M€ ao ano.
Consenso posible
A Declaración de Santiago, asinada a finais do 2021 por oito comunidades autónomas, é o mellor exemplo, para o conselleiro de Facenda, de que a pesar das “lexítimas diferencias, baseadas en necesidades particulares”, as CC.AA. poden chegar a uns mínimos comúns para desbloquear a revisión do sistema de financiamento autonómico e acadar máis recursos para mellorar a calidade de vida de todos os cidadáns.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública rematou poñendo en valor as xornadas RIFDE, que baixo o lema Finanzas autonómicas: á espera das reformas se consolidan como foro independente de reflexión e transferencia de coñecemento sobre o modelo de descentralización financeira.