A Xunta colabora na novena edición de ‘No bico un cantar’ que se suma á celebración do Ano Castelao
O encontro, que pon música á tradición literaria galega, celébrase en Rianxo, a localidade natal do intelectual, o 6 de xuño
Trátase dun concerto no que participan 500 nenos e nenas dos conservatorios profesionais e escolas municipais da Comunidade
Este ano, ademais, a actuación tamén conta coa colaboración do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca na presentación da proposta “a grande oportunidade de achegar a figura do intelectual aos máis novos”
Incide en que a iniciativa “supón unha vía de divulgación da nosa cultura, compartindo a paixón pola música e afondando na creación literaria”
Rianxo (A Coruña), 20 de maio de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Rianxo na presentación da novena edición de No bico un cantar, unha proposta, apoiada pola Xunta de Galicia, que o 6 de xuño volverá pór música á literatura galega nas voces dun coro de 500 nenos e nenas que estudan nos centros de ensino musical da Comunidade. “Como non podía ser doutro xeito, este ano acaía centrar este encontro nas verbas e na terra de Castelao, unha grande oportunidade para achegar a figura do intelectual aos máis novos”, apuntou.
Así, o representante do Goberno autonómico destacou sobre a iniciativa, impulsada desde o Consello da Cultura Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Consellería de Educación , Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que se trata “dunha vía de divulgación da nosa cultura con moi boa acollida entre a cativada, que pode compartir a súa paixón pola música con outros estudantes nesta xornada de convivencia e afondar ao mesmo tempo na nosa creación literaria”.
Ademais, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé na participación, xunto cos conservatorios profesionais de música, as escolas municipais e coros infantís, do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, “unindo desta maneira tan especial os dous mundos de Castelao, a súa vila natal e o lugar onde pasou os seus últimos anos”.
Concerto na praza Rafael Dieste
A praza Rafael Dieste da localidade coruñesa acollerá esta proposta que desde o 2013 se leva celebrando en diferentes concellos de Galicia, divulgando a tradición literaria galega entre o alumnado máis novo que cursa estudos musicais en todo o territorio. Así, Rianxo será punto de encontro para un concerto que neste 2025 se suma á celebración do Ano Castelao homanexeándoo, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento do quinteto de metais Hércules Brass, cun repertorio que inclúe A Rianxeira, o lamento por Lela de Os vellos non deben de namorarse ou o Maio longo de Rosalía de Castro.