A Xunta denuncia que o Goberno central comprométese a financiar o 50% da dependencia no País Vasco mentres que en Galicia reduce as achegas

A conselleira de Política Social e Igualdade revela que o Goberno galego tivo acceso á acta dunha bilateral co País Vasco coa que o Executivo central “dá un novo paso á hora de establecer comunidades de primeira categoría e de segunda”

Lembra que “lonxe de aumentar, a achega estatal baixa en Galicia”, pasando de asumir o 40% do financiamento en 2023 a reducilo ao 34,9% en 2024

Madrid, 20 de maio de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou esta mañá que a Xunta vén de ter acceso a unha acta dunha reunión bilateral entre o Executivo central e o Goberno vasco na que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, se compromete a financiar o 50% do gasto en dependencia no País Vasco.

Ante esta situación, a conselleira denunciou que o Goberno central “dá un novo paso á hora de establecer comunidades de primeira categoría e comunidades de segunda”. Neste sentido, lembrou que Galicia leva anos reclamando que cumpra o disposto na Lei de Dependencia, que obriga a financiar a partes iguais o investimento en dependencia, 50% o Goberno estatal e o 50% restante, os gobernos autonómicos.

Non obstante, Fabiola García insistiu en que “lonxe de aumentar, a achega estatal baixa en Galicia”, pasando de achegar o 40% do financiamento en 2023 a reducilo ao 34,9% en 2024, cunha débeda acumulada cos galegos de 2.500M€.

A conselleira alertou que de que o Goberno central achega financiamento “de xeito desigual, dependendo de onde gobernen os seus socios parlamentarios”. Este xeito de proceder, segundo a conselleira, “sitúa aos dependentes vascos como de primeira categoría mentres deixa aos galegos na segunda”. “Unha situación de infrafinanciamento dos servizos que o Goberno galego non vai permitir”, finalizou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2025