Mais de 92.400 galegos aforraron ata o momento preto de 11 M€ coa rebaixa do ITP para a compra de vehículos de segunda man

O conselleiro de Facenda e Administración Pública respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre os beneficios fiscais acadados o pasado ano polos galegos en relación coa adquisición de vehículos usados, que desde o 2024 tributan ao 3%

Miguel Corgos destacou a eliminación deste imposto para os vehículos de 0 emisións e para as bicicletas, bicicletas con pedais asistido e vehículos de mobilidade persoal

Lembrou que a Xunta tomou outras decisións que contribuíron a mitigar a alza de prezos dos últimos anos, como a redución do IRPF

Asegurou que o Goberno galego seguirá implantando novos incentivos fiscais sempre que as circunstancias o permitan

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe, no Parlamento, que máis de 92.400 galegos se beneficiaron ata abril deste ano da rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a compra de vehículos de segunda man, cun aforro de preto de 11 millóns de euros. 

En resposta a unha pregunta sobre os beneficios fiscais acadados polos galegos o pasado ano nos gravames que xestiona a Xunta, en relación coa adquisición de vehículos que tributan ao 3%, Miguel Corgos lembrou que, desde o 1 de xaneiro de 2024, o Goberno galego rebaixou máis da metade o ITP para a compra de vehículos usados, pasando do 8% ao 3% e situando a Galicia como a Comunidade cunha tributación máis baixa de toda España neste eido. “Por poñer un exemplo, unha persoa que merque un vehículo de segunda man na Comunidade por 10.000 euros, pasará de pagar 800€ de ITP a abonar 300€, cun aforro de 500 euros”, explicou.

Nesta mesma liña, subliñou que coa finalidade de incentivar a adquisición de vehículos máis respectuosos co medio ambiente, a Xunta eliminou este imposto para os de 0 emisións e para as bicicletas, bicicletas con pedais asistido e vehículos de mobilidade persoal, converténdose Galicia na única Comunidade, xunto con Baleares, que exime de tributacións a este tipo de vehículos.

Outras rebaixas fiscais

Ademais da rebaixa para a compra de vehículos usados, o conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que o Goberno galego tomou outras decisións que contribuíron a mitigar a alza de prezos dos últimos anos, como a redución do IRPF, deflactando no ano 2023, con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022, os tres primeiros tramos deste imposto e minorando o tramo máis baixo, ademais de aumentar os mínimos persoal e familiar.

Grazas a estas medidas e ás rebaixas acumuladas, Miguel Corgos asegurou que cada contribuínte que está nestes días facendo a declaración da renda, paga, de media, case 500 euros menos de IRPF que en 2009. “E, no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas temos tamén en vigor desde hai tres anos unha dedución de 250 euros para os contribuíntes con dous fillos que se equiparou así á que tiñan as familias numerosas”, engadiu, recordando que Galicia foi a primeira en aprobar unha medida deste tipo para as familias con dous fillos, ademais de duplicar a dedución que se aplicaba ás familias numerosas, ata os 500€, cun aumento doutros 250 euros por cada fillo a maiores.

Así mesmo, destacou que desde o 1 de xaneiro de 2025 púxose en vigor a nova rebaixa no Imposto de Sucesións, cunha redución deste imposto para que os primeiros 25.000 euros entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras, non paguen nada.

“E xa temos tamén en vigor un amplo paquete de medias fiscais para reforzar a nosa aposta pola vivenda, tanto para a compra como para o aluguer”, dixo. Así, para favorecer a compra referiuse á redución dos tipos de ITP para os que merquen locais comerciais para destinalos a vivenda -ata agora todos pagaban o tipo xeral do 8% e agora o farán entre o 7% e o 0%-; e á bonificación do 75% de Actos Xurídicos Documentados para adquirir, construír e rehabilitar edificios de vivendas para aluguer.

E para dinamizar o mercado de aluguer, subliñou unha dedución no IRPF do 15% dos gastos de reparación e conservación para adecuar un inmoble baleiro para arrendalo como vivenda, por un importe máximo de 3.000€ ao ano, durante tres exercicios, así como unha dedución de 500 € polo arrendamento de vivendas baleiras.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu a súa intervención asegurando que o Goberno galego seguirá implantando novos incentivos fiscais sempre que as circunstancias o permitan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2025