A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe o convenio co alcalde

A Xunta colaborará co Concello de Ponteceso na execución dunha senda peonil en Pazos, que suporá un investimento de case 400.000€

O obxectivo da intervención é a construción dunha senda peonil en Pazos, na marxe esquerda da estrada AC-419, entre o punto quilométrico 2+990 e o 3+350

O proxecto tamén abrangue a habilitación dunha zona de aparcamento, dous pasos de peóns e un reforzo da sinalización

O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, é dicir, máis de 278.000€; e o Concello aportará o investimento restante, preto de 120.000€

A Xunta encargarase da licitación das obras, coa previsión de inicialas en setembro e que estean finalizadas a principios do 2026

A intervención englóbase nas actuacións de urbanización e mellora de espazos públicos que contempla o Plan Hurbe

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025

A Xunta colaborará co Concello de Ponteceso para a execución dunha senda peonil en Pazos, que suporá un investimento de case 400.000€ (397.250€). A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde do concello coruñés, José Manuel Mato, o convenio de colaboración para executar esta actuación, ao abeiro do Plan Hurbe.

A actuación prevista é a construción dunha senda peonil na estrada AC-419, no treito que vai desde o punto quilométrico 2+990 ata o 3+350.

Executaranse unha senda peonil pola marxe esquerda da travesía, unha zona de aparcamento, dous pasos de peóns e un reforzo da sinalización existente.

Estas intervencións pretenden mellorar a seguridade viaria na zona de circulación, dar continuidade ao itinerario peonil existente e executar pasos de peóns seguros.

O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70% do orzamento, é dicir,  278.074€; e o Concello de Ponteceso aportará o investimento restante, 119.174€. A Xunta encargarase da licitación das obras, coa previsión de poder inicialas en setembro e que estean finalizadas a principios do 2026.

Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe, un programa da Xunta que impulsa actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio. En concreto, a actuación englóbase nas actuacións de urbanización e mellora de espazos públicos que se inclúen neste programa.

Este programa impulsado polo Goberno galego tamén posibilita reforzar o atractivo das aldeas, vilas e municipios, o que redunda na mellora da calidade de vida da veciñanza, no reforzo da competitividade económica e na fixación de poboación, especialmente no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2025