A Xunta destaca a calidade dos proxectos presentados na I Feira Científico-Tecnolóxica do Ortegal
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, coñecen os proxectos de ciencia e tecnoloxía dos cinco centros participantes
Ortigueira (A Coruña), 22 de maio de 2025
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron hoxe a I Feira Científico-Tecnolóxica do Ortegal. As representantes da Xunta coñeceron os diferentes espazos da feira, onde o estudantado explicou os traballos e experimentos desenvolvidos ao longo do curso e felicitaron aos alumnos dos cinco centros educativos participantes pola calidade e orixinalidade dos seus proxectos de ciencia e tecnoloxía.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor “a imaxinación, o compromiso e o traballo en equipo que o alumnado demostrou cos seus proxectos, que reflicte o esforzo diario dos centros educativos por innovar e motivar ao seu estudantado”.
Así mesmo, destacou a aposta da Xunta polo estímulo das vocacións científico-tecnolóxicas, no marco da Estratexia de educación dixital 2030. Neste sentido, lembrou que os Clubs de Ciencia da Xunta chegan este curso a 17.681 estudantes de 223 centros. Ademais, o Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía (STEMbach) conta con 1.125 alumnos matriculados en 53 institutos.
Intercambio de experiencias
A I Feira Científico-Tecnolóxica do Ortegal pretende fomentar a creatividade, o pensamento crítico e o interese polas disciplinas STEM a través da aprendizaxe activa e colaborativa. Ademais, busca fomentar o intercambio de experiencias entre diferentes centros e servir como punto de encontro para compartir coñecemento entre docentes, estudantes e público en xeral.
Participaron nesta primeira edición o Instituto IES de Ortigueira, o colexio deste concello, o CEIP José María Lage, o Instituto IES Cabo Ortegal, o Colexio CEIP Manuel Fraga Iribarne, ambos os dous de Cariño, e o Colexio CEIP Francisco López Estrada (Mañón). Cada centro contou cun posto propio no que se amosaron propostas orientadas a promover vocacións científicas e tecnolóxicas.