A Xunta busca concienciar á mocidade sobre os perigos dos xogos de azar a través dun ‘escape room’ móbil en Vigo
A directora xeral de Xuventude e a delgada territorial da Xunta visitan a actividade instalada na sede da Delegación, a cuarta parada da campaña autonómica de sensibilización
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove a participación da mocidade nesta iniciativa de lecer que busca prever condutas aditivas entre a xente nova
Vigo, 24 de maio de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron na cidade olívica a actividade Apuesta por ti, no te la juegues. Trátase do escape room móbil posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de sensibilizar á mocidade sobre os perigos do xogo compulsivo e fomentar hábitos de vida saudables.
A actividade, que é de balde, está dirixida a mozos e mozas desde os 14 anos e ata os 30 e está dispoñible ao longo do día de hoxe nas inmediacións da sede da Delegación da Xunta en Vigo. Tal e como apuntou Lara Meneses, “desde o Goberno galego promovemos iniciativas innovadoras e participativas, como esta, para implicar á xente nova e invitalos a reflexionar sobre o impacto que poder ter o xogo de azar nas súas vidas, cunha perspectiva formativa e dinámica”.
Esta iniciativa forma parte dunha campaña itinerante impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa entidade A90Grados. Tras as súas primeiras paradas en Viveiro, Lugo e Ferrol, e hoxe en Vigo, a proposta continuará mañá en Ponteareas e nas vindeiras semanas en San Cibrao das Viñas e Ourense.
Cada sesión, cunha duración de 45 minutos, acolle grupos reducidos que deben resolver seis probas relacionadas coas consecuencias do xogo patolóxico, os mitos arredor das apostas e as diferenzas entre xogador social e xogador problemático, entre outros contidos. Deste xeito, a directora xeral apuntou que “a prevención é clave e por iso adaptamos a mensaxe á linguaxe, os formatos e as ferramentas que emprega a mocidade”. Así, a Xunta impulsa actividades como esta, que buscan informar, activar a conciencia crítica e a responsabilidade das persoas novas.
Os interesados poden inscribirse a través da páxina web habilitada pola organización ou no punto de información da actividade, sempre que queden prazas dispoñibles.